Skip to main content

O CPXG entregoulles ós tres partidos parlamentarios a súa proposta para o novo modelo de medios de comunicación públicos galegos

No Día Mundial da Liberdade de Prensa, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entregoulles ó secretario xeral do PP de Galicia, Xesús Palmou, ó secretario xeral do PSDG-PSOE, Emilio Pérez Touriño e o Portavoz Nacional do BNG, Anxo Quintana, a proposta para un novo modelo de Medios Públicos Galegos .

A proposta parte dunha definición pormenorizada do que debe ser a función de servizo público que deben realizar os medios de radio e televisión de titularidade autonómica. Deben garantir o dereito dos cidadáns a dar e recibir información veraz, completa e plural, sobre todo o que teña interese xeral e relevancia pública. Garantirán a presenza e participación na súa programación de tódalas opcións ideolóxicas e sociais do país.

Outra función básica de servizo público será a garantía da igualdade de oportunidades das forzas políticas galegas que concorren ós diferentes procesos electorais; para iso estarán obrigados a celebrar debates entre os principais candidatos. Deberán asimesmo, garanti-la atención de colectivos sociais que requiran unha programación específica, como a xuventude, a terceira idade, minorías culturais ou relixiosas. Tódolos seus espazos deberán buscar o interese xeral e ser respectuosos coa dignidade das persoas fuxindo de presupostos mercantilistas.

Para que os medios públicos galegos de radio e televisión poidan garantir estas funcións de servizo público é preciso interpoñer mecanismos de control social na súa programación e xestión. Así, crearase por lei o Consello Superior do Audiovisual de Galicia que será o órgano encargado de regular a actividade do sector audiovisual galego e de propoñer estratexias para o seu desenvolvemento.

O Director xeral da CRTVG será elixido polo Parlamento por maioría de dous terzos e para un periodo de 5 anos á porposta do Consello Superior do Audiovisual. Os membros do Consello de Administración serán persoas de recoñecido prestixio e independentes respecto dos Grupos Políticos existentes no país. O finanzamento dos medios públicos estarán garantidos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e estará suxeito ó cumprimento dun contrato programa. Os medios públicos poderán complementar o seu finanzamento coa emisión de publicidade e a venda de programas de produción propia.

A CRTVG terá asimesmo, a obriga de ser promotor do sector audiovisual galego e da sociedade dixital. Primarase o apoio, o talento creativo baixo parámetros de calidade e singularidade. Buscará en todo momento a difusión e a consolidación da nosa lingua e da nosa cultura en tódalas súas emisións e producións audiovisuais.

Os representantes dos tres grupos parlamentarios expresaron a necesidade de que a reforma do modelo de medios públicos galegos sexa abordada por consenso na próxima lexislatura.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) entende que é un deber de toda a sociedade galega exercer a presión necesaria para que esta reforma se acabe materializando.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia