Skip to main content

Aberto o prazo para presentar propostas de actividades para a Semana da Ciencia

A Semana da Ciencia e da Tecnoloxía reúne o conxunto de actividades de difusión e divulgación da ciencia e da tecnoloxía que se veñen organizando durante o mes de novembro en toda Europa. O seu obxectivo é achegar os resultados da investigación científica e do desenvolvemento tecnolóxico á sociedade en xeral. Durante estes días, todo o mundo científico se pon, por completo, a disposición do público para dar a coñecer as súas tarefas, tanto nos seus aspectos máis chamativos como nos máis descoñecidos. O tipo de actividades é moi variado: exposicións, cursos, obradoiros, mesas redondas, conferencias, excursións, cine, etc.

En Galicia, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio coordina e finanza o desenvolvemento da Semana da Ciencia e da Tecnoloxía. Co obxectivo de pór en marcha a edición deste ano, Innovación fai un chamamento a todos os centros de investigación, centros tecnolóxicos, universidades e asociacións que desexen participar para que presenten as súas propostas. O prazo de solicitude está aberto até o vindeiro 31 de maio e o formulario de solicitude está á disposición de todos os interesados no enderezo web: http://www.dxid.org.

CUARTA EDICIÓN

No vindeiro mes de novembro celebraráse en Galicia a cuarta edición da Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galicia. A data de realización das actividades será do 7 ao 20 de novembro, en todo o Estado, e o tema que centrará a Semana da Ciencia será a Física, con motivo da proclamación do ‘Ano Internacional da Física’ pola UNESCO, en homenaxe á publicación en 1905, por Albert Einstein, de catro artigos para a revista 'Annalen der Physik' que resultaron fundamentais para a física. Nestes artigos o científico, até entón descoñecido, explicaba o movemento Browniano, o efecto fotoeléctrico e desenvolvía a relatividade especial e a equivalencia masa-enerxía.

Non entanto, aínda que o hito científico que se commemora nesta edición estea relacionado coa física, a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galicia incluirá actividades relacionadas con todos os demais campos da ciencia.

Na pasada edición, realizáronse en Galicia un total de 99 actividades, o dobre que en 2003 (44 actividades) e situaron a Galicia na sexta posición en canto a número de actividades entre as quince comunidades autónomas que participaron na organización da Semana da Ciencia. O tipo de actividade máis numerosa foron as mesas redondas e conferencias, seguido polas xornadas de portas abertas e visitas guiadas, as exposicións, os cursos e obradoiros, os ciclos de cine, os premios e, finalmente, os itinerarios didácticos e e as excursións.
En canto ás entidades participantes, na edición de 2004 a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía en Galicia contou con 24 entidades colaboradoras, unha cifra que duplicou á do ano anterior e que situou a Galicia no quinto posto en canto a número de entidades organizadoras respecto ao conxunto do Estado. Entre estas 24 entidades atopáronse as tres universidades galegas, a delegación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, centros públicos e privados de investigación, centros tecnolóxicos, museos, centros de ensino secundario e asociacións sen ánimo de lucro.
Por último, cómpre subliñar que nesta edición intentarán priorizarse aquelas actividades que se desenvolvan en franxas horarias que faciliten a asistencia da maior cantidade de público posible (polas tardes e en fin de semana) e que estén dirixidas a un público xeral e non especializado, co fin de contribuir á difusión da ciencia e da tecnoloxía máis aló dos ámbitos naturais nos que se desenvolve (universidade, centros de investigación, etc.). Así mesmo, aquelas persoas interesadas en participar que pertenzan a algunha das tres universidades galegas debe dirixir as súas propostas á OTRI (Oficina de Transferencia dos Resultados da Investigación) da súa universidade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia