Skip to main content

Rojo e Yuste destacan a importancia de fomentar hábitos de consumo responsable na mocidade

Impulsar actitudes positivas ante a avalancha de produtos á venda e fomentar hábitos de consumo responsables na xuventude galega son dous dos principais obxectivos da Guía de Consumo para a Mocidade. O texto foi presentado polos titulares de Xuventude, Pilar Rojo Noguera, e de Industria, Juan Rodríguez Yuste.

A publicación informa dos recursos dispoñibles para mellorar os niveis de proteción de consumidores e usuarios. Recolle diferentes apartados entre os que se atopan consellos e recomendacións nas compras, lugares para reclamar e como facelo, dereitos do consumidor e normativa existente sobre este eido, supostos especiais da venda, enderezos e teléfonos de interese.

Durante a presentación, Pilar Rojo salientou que “informar agora aos mozos sobre os dereitos e obrigas que lles afectan nas relacións comerciais que estes levan a cabo na súa vida diaria, traducirase nun futuro nunha mellora continuada da calidade, do servizo e demais condicións da oferta a desenvolver polo sector comercial”.

A titular de Xuventude destacou que este tipo de publicacións enmárcanse na filosofía do Plan Estratéxico de Xuventude 2004-2007, “porque busca de medidas eficaces en relación coas necesidades da xuventude, mecanismos que lles permitan exercer os dereitos que lles son inherentes con plenas e totais garantías e co obxectivo de favorecer a súa formación integral”.

Pola súa banda, o conselleiro de Industria, Juan Rodríguez Yuste, insistiu en que “para actuar como cidadáns e consumidores responsables, non só é preciso coñecer as regras básicas de funcionamento do mercado e da economía, senón tamén ter en conta aspectos éticos e sociais de consumo, os modelos de consumo sostible, a solidariedade, a cohesión e a integración social”.

Yuste indicou que “non se trata só de dispoñer de coñecementos, senón tamén de desenvolver habilidades e actitudes positivas e incorporar valores éticos e sociais á nosa forma de consumir”.

RECLAMAS E CONSELLOS

Entre os consellos e recomendacións recollidos na guía destacan premisas como que se debe mercar aquilo que verdadeiramente se necesite, pedir sempre ticket e conservalo e reclamar no caso de quedar insatisfeito.

Para facer as reclamacións, o consumidor pode dirixirse aos propios establecementos (a través das follas de reclamación), ás asociacións de consumidores ou as oficinas municipais ao consumidor (OMIC).

Existen varias fórmulas para reclamar. As opcións son os procedementos extraxudiciais e xudiciais. No primeiro suposto inclúense a mediación, mecanismo polo que as OMIC ou asociacións de consumo interceden polo consumidor fronte á parte vulneradora dos dereitos do cliente, e a arbitraxe, que xunto coa anterior é unha das vías máis cómodas por resultar gratuita, rápida e voluntaria.

No apartado de procesos xudiciais diferéncianse a vía civil e a penal. No primero caso pódese reclamar unha cantidade económica en concepto de indemninación polo prexuizos. É unha canle para casos de vulneración dos dereitos, venda de productos defectuosos ou neglixencias profesionais. A vía penal contémplase en supostos de estafa ou apropiación indebida.

No documento presentado hoxe lémbranse os distintos textos legais que amparan ao consumidor, entre os que están a Constitución Española, a Lei 26/84 e o Estatuto Galego do Comsumidor e Usuario. Segundo esta última normativa, os usuarios teñen dereito á protección da saúde e da seguridade, á protección dos intereses económicos e sociais, á información e a educación, á consulta e participación, e á protección xurídica.

Existen ademais unha serie de supostos especiais de venda polos que se rexen actividades como as que se dan en periodos de rebaixas, en casos de promoción, saldos ou liquidación. Baixo este epígrafe tamén se contemplan as modalidades en vendas especiais como as que se realizan a distancia, automáticas ou ambulantes.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia