Skip to main content

Manuel Fraga eloxia o modelo irlandés de desenvolvemento económico

O titular do Executivo autonómico eloxiou, logo de recibir ao embaixador irlandés en España, Declan Patrick O´Donovan, o despegue económico experimentado por este país desde o seu ingreso na Unión Europea. En opinión de Manuel Fraga, Irlanda soubo aproveitar “marabillosamente” o seu ingreso na UE para realizar unha das revolucións económicas “máis exemplares” e “máis exitosas” do mundo actual. Este modelo de desenvolvemento económico, que conseguiu transformar unha economía na que o sector primario tiña un enorme peso, nunha economía na que a industria e as novas tecnoloxías desempeñan un papel clave, está a ser estudado por Galicia, tal e como declarou Manuel Fraga.

O presidente da Xunta e o diplomático irlandés reuníronse en diversas ocasións, tanto en Galicia como en Madrid, ao longo dos tres anos e medio que O´Donovan leva desempeñando o cargo de embaixador de Irlanda en España. Esta visita de Declan Patrick O´Donovan será a última que realice o diplomático mentres ocupe este cargo, pois dentro duns meses, tal e como anunciou Manuel Fraga, desempeñará un cargo similar nunha “capital tan interesante” como Varsovia. Manuel Fraga indicou as similitudes existentes entre Galicia e Irlanda referíndose a trazos culturais similares e ás afinidades históricas que comparten ambos os dous territorios.

Pola súa banda, o embaixador de Irlanda sinalou a súa admiración polo presidente da Xunta e a súa alegría por visitar de novo Galicia, nesta ocasión para pronunciar un relatorio sobre o modelo económico irlandés en Ferrol. O embaixador declarouse gran seguidor do fútbol, en especial dos equipos galegos.

RELACIÓNS COMERCIAIS

España e Irlanda, ambos os dous integrantes da Unión Europea, manteñen unha estreita relación comercial. Así, en 2004, o Estado español importou produtos irlandeses por valor de case 3 millóns de euros, distribuídos en máis de 38.000 operacións. Pola contra, España exportou artigos a Irlanda por importe de arredor de 1 millón de euros contabilizados en 50.940 operacións.

No que atinxe a Galicia, esta foi a quinta Comunidade exportadora con destino a Irlanda en 2004, por detrás de Cataluñaa, Comunidade Valenciana, País Vasco e Baleares. En concreto, exportáronse produtos galegos por valor de 79.794 euros distribuídos en máis de 4.000 operacións. Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou un maior volume de negocio con Irlanda, ao vender productos por valor de 46.475 euros.

No capítulo de importacións, Galicia mercou produtos a Irlanda en 2004 por 77.708 euros, por detrás de comunidades como Madrid, Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana e País Vasco.

TRAXECTORIA PROFESIONAL

Natural de Dublín, Declan Patrick O´Donovan, doutor en Filosofía, ingresou no Ministerio de Xustiza en 1972. Tras desempeñar distintos postos no Ministerio de Asuntos Exteriores, foi primeiro secretario en Nova Delhi, primeiro secretario da Representación Permanente ante as Nacións Unidas e presidente do Terceiro Comité da Asemblea Xeral (Dereitos Humanos, Asuntos Sociais, Culturais e Humanitarios). Entre 1990 e 1995 foi director xeral do Ministerio de Asuntos Exteriores e xefe da Secretaría Anglo-Irlandesa en Belfast. A súa carreira diplomática desenvolveuna en Tokio (1995-2001); Madrid (outubro 2001); Túnez ( 2002) e Andorra (2002).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia