Skip to main content

O Goberno galego xa está a traballar na organización do Xacobeo 2010, segundo adiantou Manuel Fraga

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, salientou que o Goberno galego xa está a traballar, desde agora, no próximo Ano Santo 2010 “coa mesma ilusión e as mesmas altas metas, mellorando o patrimonio histórico, atendendo os camiños e os seus albergues, e promovendo o legado espiritual e cultural do Camiño de Santiago”. O xefe do Executivo autonómico presentou a colección de libros Iter Stellarum. La Gran Obra de los Caminos de Santiago, no decurso dun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos, ao que tamén asistiu o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xesús Pérez Varela.

Durante a súa intervención, Manuel Fraga salientou a pegada que deixou en todo o mundo o fenómeno xacobeo e que se traduciu na visita de millóns de peregrinos que “coa súa presenza nas rúas de Compostela e no resto de Galicia, favoreceron a expansión e difusión da nosa imaxe como terra de acollida e meta do turismo cultural”.

“A cultura xacobea –subliñou o titular do Goberno galego- é un dos máis relevantes sinais de identidade da nosa terra, un piar fundamental da nosa historia e da nosa cultura”. Neste sentido, o máximo mandatario galego salientou que Galicia e o Camiño de Santiago forman unha realidade conxunta, engadindo que “o feito xacobeo é unha realidade viva, plena, con grandes capacidades de futuro”.

Referíndose ás obras sobre o fenómeno xacobeo, Manuel Fraga resaltou os centos de publicacións específicas do ámbito xacobeo, entre as que se inclúen monografías, catálogos de exposicións, folletos orientativos e libros de síntese e divulgación que promoveu o Goberno galego. Ademais, edítanse con periodicidade as revistas das asociacións de Amigos do Camiño, publícanse artigos en revistas e boletíns de calidade, e as editoriais tamén amosan o seu interese por publicar libros relacionados con este fenómeno.

REFERENTE NO MUNDO EDITORIAL

A xuízo de Manuel Fraga, Iter Stellarum. La Gran Obra de los Caminos de Santiago, editada por Hércules Ediciones, recolle todo este esforzo colectivo e merece louvanza, xa que non só aborda unha gran variedade de temáticas relacionadas coas rutas, cidades, ritos, devocións e a historia da peregrinación a Compostela, senón que tamén pretende crear unha enciclopedia sobre os Camiños de Santiago que constituirá un referente do fenómeno xacobeo no mundo editorial nacional.

A colección consta de 25 volumes que realizan un percorrido polas rutas xacobeas que surcan a Península Ibérica. Cada libro ten unha media de entre 350 e 400 páxinas e inclúen un gran número de imaxes que foron tomadas nas diferentes rutas xacobeas.

Os oito tomos presentados hoxe son: El por qué de la peregrinación; Santiago: Una tumba, una Catedral; Santiago: Una ciudad, una cultura; El Camino Francés, Primera, Segunda e Tercera partes; e Vía de la Plata. Primera e Segunda partes.

“Quedan por vir os volumes que explicarán as peregrinacións marítimas, o Camiño Norte que entra en Galicia por Ribadeo, e pasa por Lourenzá, Mondoñedo, Vilalba e Sobrado”, anunciou Manuel Fraga ao tempo que lembrou tamén o Camiño Portugués, “vínculo de unión entre as terras irmáns de Galicia e Portugal”, como outra das partes pendentes.

Neste sentido, Manuel Fraga salientou que os promotores desta obra, que cualificou como “un traballo de servizo a Galicia e ao Camiño de Santiago”, comprometéronse a completada na súa totalidade.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA PRESENTACIÓN DA COLECCIÓN ITER STELLARUM. LA GRAN OBRA DE LOS CAMINOS DE SANTIAGO, DE HÉRCULES EDICIONES

- “A pegada xacobea en todo o mundo chamou tamén a atención de millóns de visitantes e turistas que, coa súa presenza nas rúas de Compostela e no resto de Galicia, favoreceron a expansión e difusión da nosa imaxe como terra de acollida e meta de turismo cultural”.

- “Agora temos no horizonte o próximo Ano Santo 2010, para o que seguimos traballando coa mesma ilusión e as máis altas metas, mellorando o patrimonio histórico, atendendo os camiños e os seus albergues, e promovendo o legado espiritual e cultural do Camiño de Santiago”.

- “Desde o punto de vista do estudio e valorización destes valores universais da peregrinación a Compostela, temos que resaltar os centos de publicacións específicas do ámbito xacobeo, entre monografías, catálogos de exposicións, folletos orientativos e libros de síntese e divulgación que promoveu o Goberno galego”.

- “Edítanse con periodicidade as revistas das asociacións de Amigos do Camiño ou publícanse artigos de diversa temática xacobea en revistas e boletíns de calidade. E, finalmente, as editoriais do país tamén amosan con xustiza os eu interese polo fenómeno xacobeo. Xa que logo, a sociedade demanda títulos, con traballos de investigación e contidos contrastados, elaborados por historiadores, filólogos, teólogos, filósofos e museólogos de prestixio”.

- “Penso que este traballo colectivo merece louvanza. Non só porque se trata dunha iniciativa na que se recolle unha gran variedade de temáticas vencelladas coas rutas, as cidades, os ritos, as devocións e, en xeral, a historia da peregrinación a Compostela, senón porque, e sobre todo, a colección pretende un obxectivo enciclopédico, a suma dun coñecemento exposto con amenidade e profundidade”.

- “Aínda hai moito por facer para rematar a colección Iter Stellarum, pero xa temos entre nós os ritos que a editorial Hércules presenta sobre a orixe do culto xacobeo, a historia e descrición do Camiño Francés, a Ruta da Prata, e a Cidade de Santiago”.

- “Quedan por vir os volumes que explicarán as peregrinacións marítimas, o Camiño Norte que entra en Galicia por Ribadeo, e pasa por Lourenzá, Mondoñedo, Vilalba e Sobrado. E tamén queda por traballar a fermosa realidade do Camiño Portugués, vínculo de unión entre as terras irmáns de Galicia e Portugal”.

- “Velaí o traballo de futuro para o equipo de historiadores, fotógrafos e deseñadores que colaboran en Iter Stellarum, e que teñen o compromiso de rematar esta obra integradora, de síntese, ambiciosa no mellor sentido da palabra. Unha obra colectiva que debe entenderse como un traballo de servizo a Galicia e ao Camiño de Santiago”.

- “A cultura xacobea é un dos máis relevantes sinais de identidade da nosa terra, un piar fundamental da nosa historia e da nosa cultura. Galicia e o Camiño de Santiago forman, polo tanto, unha realidade conxunta, unha sorte de unión fortalecedora de moitísimas potencialidades. O feito xacobeo é unha realidade viva, plena, con grandes capacidades de futuro”.

FICHA TÉCNICA:

Iter Stellarum. La Gran Obra de los Caminos de Santiago ten como obxectivo crear unha gran enciclopedia sobre os Camiños de Santiago que constituirá un referente do fenómeno xacobeo no mundo editorial nacional.

A colección consta ade 25 volumes que realizan un percorrido polas rutas xacobeas que surcan a Península Ibérica. Cada libro ten unha media de entre 350 e 400 páxinas e inclúen un gran número de imaxes que foron tomadas nas diferentes rutas xacobeas.

Os oito tomos presentados hoxe son:
- Tomo I: El por qué de la peregrinación.
- Tomo II: Santiago: Una tumba, una Catedral.
- Tomo III: Santiago, Una ciudad, una cultura.
- Tomo IV: El Camino Francés. Primera parte.
- Tomo V: El Camino Francés. Segunda parte.
- Tomo VI: El Camino Francés. Tercera parte.
- Tomo VII: Vía de la Plata. Primera parte.
- Tomo VIII: Vía de la Plata. Segunda parte.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia