Skip to main content

Ábrese o prazo de matrícula para facer as probas de acceso ás escolas oficiais de idiomas

O prazo de matrícula para facer as probas de nivel para as Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) está aberto dende hoxe ata o vindeiro mércores, día 11.

Os exames terán lugar os vindeiros 23 e 24 de maio nas diversas sedes das dez Escolas Oficiais de Idiomas distribuídas por toda Galicia. O horario estará exposto en cada centro, polo que todos aqueles que estean interesados en obter información ao respecto deberán dirixirse á EOI na que desexen realizar a proba.

O obxecto destes exames, sen valor académico, é obter unha acreditación do nivel de idioma que se desexa estudar de todos os ofertados nas EOI que son: alemán, inglés, francés, italiano, galego, portugués, ruso, árabe e español. Deste xeito o interesado ten a posibilidade de acceder directamente ao segundo ou terceiro curso do ciclo elemental, sempre e cando haxa dispoñibilidade de prazas nas EOI.

Para realizar estas probas poderán inscribirse todas aquelas persoas que posúan o título de graduado escolar, certificado de escolaridade, estudos primarios ou calquera titulación equivalente.

De xeito excepcional, tamén poderán inscribirse (ao ser os exames o 23 e 24 de maio) o alumnado que aínda non rematara o segundo curso da Educación Secundaria Obrigatoria que desexe seguir os estudos de idiomas de réxime especial para o vindeiro curso escolar.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia