Skip to main content

Educación favorece a integración do alumnado con deficiencias visuais

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, asinou un convenio de colaboración co delegado territorial da Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) en Galicia, Eugenio Ferradás Moledo, para establecer medidas de atención aos discapacitados visuais.

O acordo ten como marco a atención educativa a todas as persoas con deficiencias visuais de calquera idade co fin de desenvolver actividades e servizos conxuntos que garantan a súa atención educativa, tanto xeral como específica.

Para que isto sexa efectivo estruturaranse equipos específicos de atención á educación integrada de cegos e deficientes visuais, como unidades funcionais formadas por profesionais de ambas institucións garantindo en todo momento a integración deste colectivo nos centros educativos ordinarios.

A actuación dos equipos específicos ten como fin prestar apoio ao alumno con problemas visuais estimulándoo, orientándoo, favorecendo que teña técnicas instrumentais básicas como o braille, ou axudando no tempo de ocio e deporte e nas súas habilidades sociais, entre outras medidas.

O conselleiro de Educación salientou a importancia de convenios deste tipo orientados cara a integración de todo o alumnado. Celso Currás manifestou que con este tipo de iniciativas búscase afondar na atención ao alumnado con deficiencias visuais escolarizado nos centros educativos de Galicia establecendo mecanismos de coordinación co fin de compartir os recursos de ambas institucións e, deste xeito, incrementando a capacidade de resposta do mundo escolar no eido da atención á diversidade.

APORTACIÓNS E RECURSOS

A Administración educativa e a ONCE aportarán tanto medios humanos como materiais para que a axuda aos diminuídos visuais sexa o máis efectiva posible.

A partir da sinatura deste convenio a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aportará ao longo dos vindeiros tres anos catro profesores por provincia. A función destes mestres será apoiar en réxime de itinerancia ao alumnado con discapacidade visual.

Por outra parte, a ONCE aportará 15 mestres, 7 traballadores sociais, 3 psicólogos, 1 pedagoga, 4 técnicos de rehabilitación, 4 instrutores tiflotécnicos, 2 animadores socioculturais, 1 coordinador deportivo e 2 especialistas en núcleos periféricos, cada un con funcións diversas de apoio a este colectivo.

Ademais adaptará os postos de estudo á normativa da ONCE e porá a disposición do alumnado libros en braille e sonoros así como o material didáctico específico que se requira.

A ONCE pon tamén a disposición os centros e servizos especializados como o Centro de Recursos Educativos “Santiago Apostol”, de Pontevedra, o Servizo Bibliográfico da organización e o Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia