Skip to main content

Cementos Cosmos súmase ao Pacto Ambiental promovido pola Xunta

A empresa Cementos Cosmos sumouse ao conxunto de instalacións galegas que formalizan o pacto ambiental coa Consellería de Medio Ambiente, segundo o acordo asinado hoxe en Sarria polo vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e o vicepresidente do Consello de Administración de Corporación Noroeste, Ángelo Rocha Soares Gomes. O obxectivo é garantir o respecto ao medio natural das instalacións que a empresa ten no Oural, así como facilitar a súa adaptación ás esixencias máis actuais da normativa ambiental.

De acordo co pacto, Cementos Cosmos comprométese a desenvolver nas súas instalacións de Oural- Sarria proxectos a prol da optimización do consumo de auga e na xestión de residuos; da redución das emisións e da mellora ambiental de solos. A empresa ten previsto investir máis de 3,5 millóns de euros nestas accións, que se desenvolverán durante un prazo de catro anos prorrogable. Os proxectos previstos centraranse en aspectos relacionados co material e a xestión. Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente comprométese a apoiar a obtención das autorizacións precisas para os obxectivos do pacto, así como a promover a obtención de axudas e incentivos para o financiamento das melloras ambientais previstas.

ESTUDOS TÉCNICOS

Ademais, ambas as dúas entidades colaborarán na realización de estudos técnicos e económicos sobre a interrelación entre a industria do cemento e o medio natural. Neste sentido, cómpre salientar como temas prioritarios a información social sobre a valorización de residuos na fábrica; as mellores técnicas dispoñibles para a fabricación de cemento; a reciclaxe e valorización de refugallos; a redución das emisións de CO2; as técnicas de medición e control de emisións; e a implantación dun Sistema de Xestión Ambiental.

Segundo sinalou Xosé Manuel Barreiro, o pacto ambiental asinado hoxe enmárcase no obxectivo común da Administración autonómica e a empresa de promover o desenvolvemento sostible de Galicia. Nesta liña de acción, convértese nunha prioridade a compatibilización do progreso económico e social co respecto ao contorno natural.

Logo da sinatura do pacto ambiental o vicepresidente segundo da Xunta e o vicepresidente do Consello de Administración de Corporación Noroeste realizaron un percorrido polas instalacións de Cementos Cosmos.

GARANTIR A CALIDADE DE VIDA

Trátase así de garantir a calidade de vida dos traballadores e veciños da zona de Sarria, tanto na actualidade coma no futuro. Para o vicepresidente segundo, a protección ambiental é, cada día máis, unha variable imprescindible no desenvolvemento económico e, como tal, as empresas máis competitivas deben introducila na súa política de acción. O titular de Medio Ambiente agradeceu a sensibilidade demostrada por Cementos Cosmos coa formalización do Pacto Ambiental, que, segundo Barreiro, supón unha aposta de futuro para a empresa e unha garantía de desenvolvemento para a zona na que opera.

Cementos Cosmos dispón, desde 1962, dunha fábrica de cementos no Oural, cuxas instalacións ocupan 276.000 metros cadrados de superficie. Deste total, 100.000 metros cadrados están edificados. Na actualidade, a capacidade de produción de clinker é de 1.350 toneladas ao día.

PACTOS POLO MEDIO AMBIENTE

A Consellería de Medio Ambiente ten xa formalizados acordos para a mellora medioambiental con importantes empresas e entidades instaladas en Galicia, como Unión Fenosa, Alcoa, Gas Natural, Cepsa Estacións de Servizo e a Federación Galega de Talleres.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia