Skip to main content

Os médicos forenses poderán solicitar probas e consultas en 13 centros hospitalarios do Sergas

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, e o conselleiro de Sanidade, José Manuel González, asinaron un convenio de colaboración no ámbito da actividade anatómico-forense que lle permitirá aos médicos forenses galegos poder solicitar interconsultas e probas específicas a 13 centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde.

Os centros hospitalarios incluídos neste convenio son o Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo de Oza, o Arquitecto Marcide-Novoa Santos, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, o Xeral-Calde, o Hospital Comarcal de Monforte, o Hospital Comarcal da Costa, o Complexo Hospitalario de Ourense, o Hospital Comarcal de Valdeorras, o Complexo Hospitalario de Pontevedra, o Hospital Nicolás Peña, o Hospital Virxe da Xunqueira, o Hospital de Verín e o Hospital de Barbanza.

O conselleiro de Xustiza destacou, tras a sinatura do convenio, a importancia do mesmo xa que “vai a permitir dispoñer de instalacións axeitadas no SERGAS para o servizo xudicial da medicina forense”. Xesús Palmou sinalou ademais que esta liña de colaboración coa Consellería de Sanidade continuará agora que se acaba de crear o Insituto de Medicina Legal de Galicia. O conselleiro de Sanidade salientou, pola súa banda, que este acordo “se emarca dentro do proceso de colaboración entre administracións para a utilización racional dos recursos e vai a permitir que os importantes medios humanos e técnicos da Consellería de Sanidade se poñan a disposición da Xustiza”.

Xesús Palmou explicou ademais que, recentemente, se levaron a cabo obras para o acondicionamento das instalacións para autopsias do Hospital de Conxo resaltando que “coas mesmas contamos cunha sala de autopsias cunhas instalacións ao nivel que require hoxe a medicina forense”. O titular de Xustiza da Xunta estimou o investimento realizado neste acondicionamento en 29.000 euros.
CONVENIO

A Consellería de Xustiza destinará 90.000 euros anuais a financiar os gastos derivados da utilización dos medios funxibles precisos para a realización das autopsias e outras pericias realizadas nos centros hospitalarios establecidos no convenio. Pola súa banda, a Consellería de Sanidade porá a disposición dos forenses o material específico e a loxística propia dos centros hospitalarios nos que se realicen as correspondentes pericias, subministrando a roupa de traballo, a actividade de limpeza do local, os gastos de mantenemento, a fixación dunha liña telefónica con acceso externo, así como o apoio en probas radiolóxicas simples.

A sinatura deste convenio enmárcase dentro das competencias propias da Consellería de Xustiza canto á provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Admnistración de Xustiza, incluídos os institutos anatómico-forense e as clínicas médicos-forenses. Neste senso, a Consellería de Xustiza, no que vai de lexislatura, ten investido 1.070.000 € no funcionamento da medicina forense, tanto a través de servizos específicos conveniados co SERGAS e a Universidade de Santiago, como nos gastos xenéricos en material e equipamento para facer posible o funcionamento ordinario das clínicas médico-forense.

IMELGA

O Consello da Xunta aprobou o pasado xoves o Decreto de creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia polo que se crea este organismo e se aproba o seu regulamento, a súa estructura orgánica e a súa provisión de postos de traballo. O Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) será un órgano técnico ao servizo da Administración de Xustiza que terá como función auxiliar aos xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas de Rexistro Civil en materia de medicina forense.

O ámbito territorial do IMELGA é o da Comunidade Autónoma de Galicia, e terá a súa sede en Santiago de Compostela e centros de traballo (subdireccións) situados, ademais de nesta cidade, en A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Este novo órgano será o encargado de practicar as probas periciais médicas, tanto tanatolóxicas como clínicas, previstas na normativa vixente en materia de medicina forense. Ademais, o Instituto poderá realizar tamén actividades de docencia e investigación, así como calquera outra función de colaboración e investigación no marco da medicina legal.

A creación deste novo órgano suporá a modificación da estructura organizativa e funcional da medicina forense no ámbito da Comunidade Autónoma. Na data da súa entrada en vigor, a través dunha orde da Consellería de Xustiza, quedarán suprimidos os institutos anatómico-forenses e clínicas médico-forenses actualmente constituídas, así como as agrupacións de forensías de xulgados de Galicia. Os médicos forenses e o resto do persoal funcionario e laboral destinado nestes centros quedará integrado no Instituto de Medicina Legal de Galicia na data da súa entrada en funcionamento.
Gabinete de Comunicación das Consellerías de Xustiza e Sanidade da Xunta de Galicia