Skip to main content

Xunta e Endesa formalizan o Pacto Ambiental

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e mailo director xeral de Endesa para España e Portugal, José Damián Bogas Gálvez, asinaron nas Pontes o pacto ambiental polo que esta compañía se compromete a realizar diversas actuacións a prol do desenvolvemento sostible. Os obxectivos son a restauración dos espazos naturais afectados tralo peche total da mina, así como a adaptación da central térmica ás esixencias da nova normativa ambiental. Segundo o acordo, Endesa investirá máis de 280 millóns de euros nestas accións, que se prolongarán por un prazo de dez anos.

A través do Pacto, promovido pola Consellería de Medio Ambiente, trátase de incidir en todas as facetas do desenvolvemento sostible: ambiental, económica e social. Así, a adaptación da central térmica repercutirá na mellora do contorno natural ao tempo que garantirá a permanencia da actividade na zona e, polo tanto, o seu desenvolvemento económico e social. Cómpre salientar que as accións ambientais estenderanse tamén ao Parque Natural das Fragas do Eume, con estudos ecolóxicos da auga do río, coa plantación de 25.000 árbores de especies autóctonas e coa cesión dun edificio para usos deste espazo natural.

ACCIÓNS E ORZAMENTOS

Segundo o acordo, os obxectivos do Pacto Ambiental concrétanse na recuperación ambiental do espazo mineiro; na redución das emisións á atmosfera e dos vertidos; na minimización e control de residuos e de riscos ambientais e na optimización da xestión ambiental. Nestas liñas de acción, a Consellería de Medio Ambiente comprométese a facilitar todas as certificacións e autorizacións precisas para desenvolver as accións previstas.

No que respecta ao peche completo da mina, Endesa restaurará as 1.150 hectáreas que ocupa a escombreira exterior coa rexeneración do solo e cunha actuación global sobre toda a explotación. Crearase un lago no oco mineiro, coas infraestruturas hidráulicas precisas e cos tratamentos axeitados, que terá unha profundidade máxima de 200 metros. O lago recibirá a auga dos antigos ríos e mananciais que foron desviados da mina para facilitar a extracción de carbón e que serán devoltos así ao seu curso orixinal. Tamén se captará auga do río Eume, o mesmo que na era Terciaria contribuíu á formación do xacemento mineiro. O investimento destinado a estas actuacións ascende a 35, 1 millóns de euros.

Pola súa banda, o orzamento previsto para a redución das emisións á atmosfera na central térmica son de 239,2 millóns de euros; á redución e control dos vertidos hídricos destinaranse 540.000 euros; e 4 millóns de euros para a minimización e control de residuos. No acordo concrétase tamén un investimento de 820.000 euros para a minimización dos riscos ambientais e a potenciación do control do impacto no medio; e de 500.000 euros para a promoción de actividades de investigación.

REDUCIR EMISIÓNS E IMPACTOS

Na central térmica de carbón executarase unha transformación e modernización, ao amparo do que dispoña o Plan Nacional de Asignación (PNA) 2008-2012. Entre os anos 2005 e 2008 adaptaranse os grupos xeradores, de 350 megavatios de potencia unitaria, para funcionar só con hulla importada. O cambio suporá unha redución do 95 por cento das emisións de dióxido de xofre nun 95 por cento, do 16 por centro das de óxido nitroso e do 48 por cento das emisións de partículas.

Asemade, Endesa potenciará o control dos impactos ambientais da instalación mediante a renovación dos equipos de vixilancia e a implantación de medidas preventivas. Nesta liña, a central asume o compromiso de manter as certificacións de Calidade (ISO 9001) y de Xestión Medioambiental (ISO 14001) que xa posúe. Ao longo do presente ano solicitará a Autorización Ambiental Integrada que tramita a Consellería de Medio Ambiente.

RESPONSABILIDADE SOCIAL

O Pacto Ambiental formalizado hoxe representa a culminación do proxecto de sustentabilidade e responsabilidade social emprendido por Endesa para minimizar as repercusións ambientais, económicas e sociais da actividades desta central térmica no contorno.

Tras a sinatura do Pacto Ambiental, o vicepresidente segundo destacou o esforzo que representa esta iniciativa para a Endesa, que representa unha proba máis da súa sensibilidade co contorno natural e social no que actúa. Barreiro referiuse tamén ao importante labor que está a desenvolver o seu departamento para a formalización de pactos ambientais coas principais empresas instaladas en Galicia. Así, relevantes entidades como Alcoa, Cosmos, Cepsa ou Gas Natural sumáronse xa a estes acordos, garantía de compatibilización do desenvolvemento industrial de Galicia coa conservación do medio natural.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia