Skip to main content

Santiso Miramontes inaugura as novas instalacións da bodega cooperativa Terras do Cigarrón

Santiso Miramontes salientou a importancia “do asociacionismo e do cooperativismo como impulsores e dinamizadores da actividade agrogandeira, que neste caso permite transformar e comercializar a produción vitivinícola dos 25 socios participantes neste proxecto”.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural tivo en conta “o esforzo en investimentos da cooperativa, que ascendeu a 1.760.643 euros, dos que 880.321 euros, o 50% procederon de axudas da Xunta de Galicia”

VISITA EN CARTELLE

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes, tamén visitou as obras dun centro ecuestre no concello ourensán de Cartelle. As instalacións albergarán boxes para cabalos, zona de servizos, pista para doma e exercicio dos animais. Nun futuro, preténdese ampliar o centro con outros servizos munucipais como unha piscina e zonas deportivas.

Un total de 98 propietarios de fincas da parroquia de Doníz, no concello de Cartelle, recibiron os títulos de propiedade das súas terras concentradas, nun acto celebrado na parroquia de San Miguel de Espiñoso e presidido polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes.

VANTAXES

No transcurso da entrega, o conselleiro explicou que os procesos de concentración parcelaria “posibilitan a optimización dos recursos existentes, equilibrando a potencialidade das terras coas posibilidades de explotación pecuaria”. O titular de Política Agroalimentaria afirmou que a unión de terras tamén “repercute favorablemente no conxunto da economía e do desenvolvemento social do contorno”.

ACTUACIÓNS EN CARTELLE

Os traballos de concentración parcelaria rematados afectaron a unha superficie de 71 hectáreas, cun total de 842 fincas pertencentes a 98 propietarios. O proceso permitiu incrementar a superficie media das parcelas desde as 6,46 áreas ata as 21,36 áreas, reducindo o número de fincas a 237, e dicir, cada nova finca agrupa unha media de tres fincas das existentes antes do proceso. O investimento total realizado pola Consellería foi de 325.085 euros.

Estas novas actuacións únense á extensión concentrada con anterioridade no concello de Cartelle que é de 727 hectáreas, nas que se investiran 1.800.000 euros para a súa execución.

Santiso Miramontes explicou que na actualidade se está a traballar noutras 3 parroquias deste Concello: Cartelle, Mundil e Vilar de Vacas. Son en total 2.941 has, nas que se calcula un investimento conxunto de preto de 4 millóns de euros.




Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia