Skip to main content

Galicia colabora con Turespaña e outras seis comunidades costeiras na promoción das estacións náuticas

A directora Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, María Antón Vilasánchez, asinou en Madrid un convenio de colaboración co Instituto de Turismo de España (Turespaña), a Asociación Española de Estaciones Náuticas e as comunidades autónomas de Andalucía, Asturias, Illas Baleares, Cataluña, Murcia e Comunidade Valenciana, para o desenvolvemento de actuacións conxuntas para a promoción e apoio á comercialización do producto “Estación Náutica”.

Mediante este acordo, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo comprométese a aportar un total de 7.294,12 euros este ano, dacordo co reparto proporcional por comunidades autónomas segundo o número de estacións náuticas de cada unha, para financiar diversas actuacións nesta materia. Galicia dispón de unha estación náutica (Rías Baixas, que comprende os concellos de Sanxenxo, Bueu, Ribeira, Vigo, Cambados, Marín, A Illa de Arousa, Poio, O Grove, Vilagarcía e Pontevedra).

TURISMO NÁUTICO

Unha Estación Náutica, segundo se recolle no texto do propio convenio asinado hoxe, “é un espacio turístico e recreativo que permite a práctica do turismo náutico, entendido como vacacións activas en contacto coa auga, coa posibilidade de realizar todo tipo de actividades náuticas en tempo de ocio: vela lixeira, vela de cruceiro, motor, windsurf, surf, submarinismo, piragüismo, remo, charter de cruceiros, etc., compartindo a actividade náutica co aloxamento e o disfrute da natureza e a oferta turística e recreativa do entorno”.

As accións a desenvolver con cargo a este convenio de colaboración céntranse en varios aspectos: creción de material promocional; accións en centros comerciais; campaña de marketing on line; programa de fidelización e desenvolvemento da páxina web da Asociación Española de Estaciones Náuticas. O coste de todas estas iniciativas será asumido por Turespaña, que aportará un máximo de 124.000 euros.

Por outra parte, levaranse a cabo tamén outras actuacións, cun coste que asumirán as comunidades autónomas participantes e a Asociación Española de Estaciones Náuticas, relativas a: campaña en televisión; campaña en revistas (Galicia aportará 3.360 euros); realización de viaxes de familiarización para touroperadores e xornalistas; presencia en feiras nacionais (Galicia aportará neste caso 3.934,12 euros) e organización de eventos en sedes de asociacións e universidades para dar a coñecer o concepto de estacións náuticas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia