Skip to main content

A Xunta destinará este ano 2 millóns de euros á Capitalidade de Santiago

Segundo lembrou o máximo mandatario autonómico, unha vez aprobada a lei declarando a Capitalidade de Santiago, “comezaron as negociacións para darlle un plantexamento económico a este Estatuto de Capitalidade”.

Deste xeito e unha vez aprobadas as actas da sesión anterior, Manuel Fraga aproveitou a reunión do Consello da Capitalidade para dar conta de que o Goberno que preside vai destinar este ano dous millóns de euros ao financiamento da Capitalidade. Esta cantidade, segundo manifestou o presidente da Xunta, será achegada en tres pagos: un millón nos dous primeiros trimestres e outros dous pagos de medio millón de euros cada un, correspondendo cos dous últimos trimestres do ano.

PLAN XERAL

Así mesmo, durante a xuntanza do Consello de Capitalidade, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, manifestoulle ao máximo mandatario galego a disposición do Concello a “atender as demandas futuras de crecemento da Comunidade Autónoma”. “Polo tanto -engadiu- á vista do informe emitido pola Consellería de Política Territorial sobre o Plan Xeral, poñémonos á súa disposición para que a Comunidade Autónoma nos manifeste cales son as súas necesidades” e, no caso de que estas non estean “suficientemente contempladas” no documento actual, “introducir os cambios oportunos”.

Pola súa banda, Manuel Fraga sinalou a este respecto que o secretario da Consellería de Política Territorial “tomou boa nota disto e aceptou a proposta do alcalde, agradecéndoa no nome do conselleiro, que non é membro desta comisión”.

XUNTANZA

Na reunión do Consello de Capitalidade participaron, ademais do presidente da Xunta e do alcalde de Santiago, o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Xaime Pita; o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xesús Pérez Varela; o secretario xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, José Antonio Fernández Vázquez; o secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Néstor Valcárcel; o secretario xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, Manuel E. Martínez; o secretario xeral do Concello de Santiago, Francisco Javier Castiñeiras; e varios concelleiros composteláns.









Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia