Skip to main content

O presidente da Xunta sinala a relevancia da implicación empresarial no patrocinio da Volvo Ocean Race

O titular do Executivo autonómico, Manuel Fraga, e o presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal esta empresa de distribución se compromete a achegar un total de 480.000 euros para o patrocinio da Volta ao Mundo de Vela, que partirá do porto de Vigo o próximo 12 de novembro. Logo da sinatura do convenio, o presidente da Xunta salientou a relevancia de que as empresas e as marcas comerciais se impliquen no patrocinio da Volvo Ocean Race. Así mesmo, demandou o apoio da sociedade galega a esta regata, que suporá un fito histórico para Galicia, posto que se trata dun dos acontecementos deportivos máis relevantes do mundo.

Para Manuel Fraga, o patrocinio de Gadisa posúe unha especial relevancia xa que se trata dun grupo empresarial forte con presencia en todo o territorio español. Deste xeito, achegarase a Volvo aos máis de 450.000 clientes deste grupo empresarial. Así, o patrocinio deste grupo de orixe galega súmase ao da empresa Begano, que a semana pasada asinou un convenio de colaboración co Goberno galego para a promoción da regata.

FELICITACIÓNS

O titular do Executivo autonómico felicitou ao Grupo Gadisa polo seu apoio. “Estou convencido de que, con esta iniciativa, tamén se verá incrementado o prestixio do grupo empresarial”, indicou Manuel Fraga. Gadisa difundirá e promoverá a Volvo a través dos distintos medios e soportes que habitualmente utiliza nas súas campañas publicitarias.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E GADISA PARA O PATROCINIO DA VOLTA AO MUNDO DE VELA

-“Desde a Xunta de Galicia estamos investindo todos os nosos esforzos, o noso traballo e a nosa ilusión para que a vindeira cita do 12 de novembro se converta na máis espectacular e fermosa das saídas da historia da Volvo Ocean Race”.

-“Para que isto sexa posible é necesaria a implicación e o apoio incondicional de todos os sectores da sociedade galega, especialmente das empresas e das marcas comerciais”.

-“Con este acordo, Gadisa asume o compromiso de vincular a súa imaxe corporativa e a súa actividade comercial coa saída desde Galicia da Volvo Ocean Race e achegar este acontecemento aos seus máis de 450.000 clientes a través da súa estrutura comercial e rede de instalacións no territorio español”.

-“A promoción deportiva e turística, a través de campañas de publicidade e a difusión da marca da regata, contribuirán, grazas ao apoio de Gadisa, a incrementar a súa notoriedade e acadar que todos esforzos repercutan no éxito da regata”.

-“Quero, por tanto, felicitar ao Grupo Gadisa polo seu apoio e pola súa decisión de patrocinar un dos dez actos deportivos máis importantes do mundo. Estou convencido de que, con esta iniciativa, tamén se verá incrementado o prestixio do grupo empresarial”.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA E GADISA PARA O PATROCINIO DA VOLTA AO MUNDO DE VELA

OBXECTIVOS

O convenio de colaboración asinado hoxe entre o titular do Executivo autonómico, Manuel Fraga, e o presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro, ten por obxecto regular a participación deste grupo empresarial no patrocinio da Volta ao Mundo de Vela, que partirá do porto de Vigo o vindeiro 12 de novembro.

COMPROMISOS

Ao abeiro deste convenio de colaboración, Gadisa adquire a condición de patrocinador da Volvo Ocean Race e difundirá e promoverá a regata a través dos distintos medios e soportes utilizados nas súas campañas de promoción e publicidade. O valor desta difusión publicitaria e promocional cífrase en 480.000 euros, que serán achegados por Gadisa.

A Fundación Deporte Galego, que preside a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, colaborará na elaboración dun proxecto de comunicación co Grupo Gadisa, no que se fixarán e determinarán as diferentes accións previstas para a promoción e difusión da Volta ao Mundo de Vela por parte deste grupo empresarial.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia