Skip to main content

Dous alumnos do IES Marqués de Suanzes de Ferrol gañan un premio nacional de automoción

Dous alumnos do Ciclo Superior de Automoción do IES Marqués de Suanzes, de Ferrol, gañaron o II Concurso para Xóvenes Técnicos en Automoción, na categoría de Electromecánica de Vehículos, nunha proba na que tiveron que competir con equipos de outras seis provincias españolas.
Este concurso está organizado pola asociación Comforp (Compromiso coa Formación Profesional), en colaboración co grupo automobilístico DaimlerChrysler España, ao que pertencen as marcas Mercedes e Chrysler, entre outras.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere expresarlle a súa felicitación aos dous alumnos do IES “Marqués de Suanzes” polo premio acadado a nivel nacional, así como ao propio centro polo seu labor a prol do desenvolvemento da formación profesional en Galicia.
Os gañadores foron Aurora Ribeiro Fernández e Manuel Feal Fraga, cun proxecto coordinado polo profesor José Enrique Teijeiro Lombardía. O xurado da proba final impresionouse pola seguridade dos alumnos de Ferrol e a súa meticulosa forma de traballar.
En total presentáronse a este certame 215 centros de toda España, con participantes dos que o xurado destacou o seu alto nivel de cualificación. Nas probas finais, os dous alumnos ferrolás tiveron que realizar un proxecto sobre suspensión, superar un exame de preguntas teóricas e outro de probas prácticas en maquetas e vehículos.
A última fase do certame tivo lugar en Guadalaxara a finais do pasado mes de abril. Nela competiron oito equipos das seguintes provincias: Huesca, Ávila, A Coruña, Guipúzcoa, Girona, As Palmas e Madrid, esta última con dous equipos. Os vencedores foron os alumnos Aurora Ribeiro e Manuel Feal do IES “Marqués de Suanzes” de Ferrol.
Estes dous alumnos demostraron que os coñecementos adquiridos no instituto, unidos ao seu propio talento, valéronlles para seren considerados como os mellores mecánicos de España na categoría de electromecánica deste concurso, que tamén ofrece outro premio na especialidade de carrocería.

CONTRATO EN MERCEDES

O premio consiste nun contrato de traballo na empresa Mercedes Benz, 300 euros, documentación técnica variada e unha subscrición gratuíta á revista “Nuestros talleres” por un ano, para cada un. Pola súa parte, o centro recibirá ademais da subscrición á citada revista e material didáctico, ademais dun vehículo Mercedes Vito para realizar prácticas.
Este premio ten, se cabe, un valor engadido, xa que entre os seleccionados está a alumna Aurora Ribeiro, nun sector profesional que na actualidade, aínda ten unha representación maioritaria do xénero masculino.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia