Skip to main content

A Televisión Municipal de Ponteareas sae ó paso das mentiras verquidas, nun comunicado, polo responsable local do BNG Xurxo López

Sorprende a frialdade con que o señor Xurxo López minte cando di, no comunicado, que esta radio televisión municipal ten en plantilla a 22 traballadores facendo só duas horas de programación diaria posto que a realidade é ben distinta, xa que forman parte da plantilla da RTMP 15 traballadores que realizan funcións na radio e na televisión. Debemos ter en conta que son dous medios diferentes con diferentes necesidades.
Falta tamén á verdade, o representante local do BNG, cando esaxera de forma escandalosa o gasto dos dous medios, pois non é esa (nin aproximada) a cifra anual de gasto da radio e a televisión. Non ten en conta os ingresos que se producen en concepto de publicidade.
Mesmamente, mostra unha gran ignorancia e pouco coñecemento dos medios de comunicación, cando fai mención a que son só dúas horas de programación propia as que emite a RTMP. A realidade é que son máis de duas horas diarias. No computo anual inclúese, amáis da programación habitual diaria, retransmisións puntuáis en directo dende o auditorio e o concello, amáis de acontecementos deportivos, relixiosos e culturais, e programas especiais con máis de 6 horas de duración en directo, tales como o da noite de Corpus….
As súas manifestacións só fan menospreciar o que significa, de esforzo colectivo, a producción de tan só un minuto de televisión. A Televisión Municipal de Ponteareas é a primeira e máis antiga televisión local de Galicia e, dende a súa creación, representou un magnífico servicio público para toda a zona do Condado e Paradanta. Proba disto é o feito de que, gracias a este medio, foron moitas as persoas que atoparon traballo, moitos os disminuidos e persoas da terceira idade que poideron segui-la actualidade do acontecer diario do seu pobo dende a súa casa, e moitas as asociacións e entidades, sen ánimo de lucro, que poideron divulga-la súa menxase de maneira gratuita. Todo isto sen conta-los centos de nenos e nenas que xogaron con nós nas máis de 200 horas de programación infantil o ano, e as máis de 500 horas de magazín anuais que figuran na nosa videoteca.
A Radio Televisión Municipal de Ponteareas ten a consideración de servicio público, tal como o teñen a biblioteca municipal, o departamento de xuventude, os servicios sociais, o de cultura, etc. etc. etc., e como tal, non debe buscar únicamente un fin lucrativo, senón ofrecer un servicio social, de comunicación e de relación cós e entre os propios veciños, e destes coa administración local.
A Radio Televisión Municipal de Ponteareas cumpre, en maior ou menor medida, unha función informativa e didáctica, divulgativa e formativa e, o mesmo tempo, de entretemento para tódalas idades.
Queda amáis de manifesto a pouca sensibilidade do devandito grupo político ó tentar confundir e asustar ós profesionais desta emisora (como tamén á opinión pública) con comunicados, esaxeradamente alarmistas, sobre a realidade desta radio e televisión municipal que, hai que lembrar, supón ó pan noso de cada día de todos cantos traballamos nela.
Carlos Ojea (RTMP)