Skip to main content

Manuel Fraga reitera que a Cidade da Cultura é unha aposta pola nosa pervivencia, representativa de todo o pobo galego

“Esta Cidade da Cultura é unha aposta a fondo pola nosa pervivencia. Este Faro de Cultura, galego e universal, é o maior esforzo dos últimos séculos. Unha empresa concibida con grandeza, representativa de todo o pobo galego”. Estas palabras pronunciábaas o presidente da Xunta de Galicia nunha visita ás obras da Cidade da Cultura que se está a construír na capital galega.

Manuel Fraga reiterou unha vez máis que esta infraestrutura “debe ser considerada como unha continuidade dos nosos grandes fitos”, e presentouna como un complexo cultural con características propias, “referencia” do que debe ser un centro destinado ao estudo, a investigación, a recuperación e a promoción do patrimonio cultural galego.

RECOÑECEMENTO AOS CREADORES QUE DEFENDEN A CULTURA GALEGA

Tras incidir en que a Cidade da Cultura de Galicia “xa é, sen dúbida ningunha, a montaña máxica representativa da pluralidade da Europa dos pobos e das culturas”, o presidente da Xunta referiuse á “obrigada lembranza” para os homes e mulleres “que non escatimaron nin ideas nin traballo na defensa e promoción dunha cultura que constitúe a nosa esencia como pobo e a nosa achega á humanidade”.

A eles quixo facer unha mención especial, así coma aos artistas, escritores, músicos, arquitectos, “os creadores máis activos e conscientes” que, xunto coas xentes populares, os campesiños, mariñeiros, e artesáns “souberon dar as respostas necesarias, en cada momento, para constituír o riquísimo patrimonio cultural que nós herdamos”.



GALICIA, REALIDADE INTEGRADORA E ABERTA

O mandatario galego lembrou que a cultura propia é “a base substancial da identidade galega”, identidade que se construíu grazas ás achegas de diversos pobos que configuraron unha realidade cultural e lingüística “que nos permite hoxe seguir sendo galegos”.

“Somos unha Comunidade ben definida, autogobernada, solidaria co resto dos pobos de España, europea, iberoamericana e universal”, dixo Manuel Fraga, poñendo énfase en que Galicia “é unha realidade integradora e aberta, que vén contribuíndo á unidade europea desde o século X”, coa aparición do Sepulcro do Apóstolo Santiago, que deu orixe ao fenómeno Xacobeo.

MARCHA DOS TRABALLOS

O titular do Executivo galego repasou o estado no que se atopan os traballos da Cidade da Cultura, remarcando o feito de que a Hemeroteca estea “a punto de rematarse”, mentres a Biblioteca está “moi avanzada”, igual que o Museo de Historia de Galicia e o Edificio de Servizos Centrais, que “avanzan a bo ritmo”.

No tocante ao Teatro da Música, explicou que a súa construción se iniciará no mes de xullo, cun prazo de execución de 54 meses; e indicou que o edificio de Novas Tecnoloxías está en fase de licitación, prevéndose que estea rematado en 2009.

Manuel Fraga aproveitou a visita para convocar desde “este Pecten Jacobaeus sosegadamente elevado e fronte ás torres do Campus Stellae” a todos os pobos, pensamentos e relixións que “desde o respecto, o diálogo e a tolerancia, engrandecen, día a día, a nosa condición humana”.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NA VISITA ÁS OBRAS DA CIDADE DA CULTURA DE GALICIA

- “Galicia aséntase nos sinais marcados pola súa identidade, no que constitúe o seu cerne substantivo, o seu patrimonio tradicional. O patrimonio dun pobo asentado na súa terra, espallado por todo o mundo, cunha lingua e cunha cultura propias, cunha historia e, sobre todo, cun futuro esperanzador”.

- “A cultura propia é, pois, a base substancial da identidade galega. Unha identidade que se foi construíndo de vagar, a base as achegas dos diversos pobos e culturas que configuraron, ao longo da Historia, unha realidade cultural e lingüística que nos permite hoxe seguir sendo galegos”.

- “Do conxunto do noso pobo, cómpre salientar aos nosos artistas, músicos, escritores, arquitectos... É dicir, aos creadores máis activos e conscientes. Eles e o conxunto das xentes populares, os campesiños, os mariñeiros, os artesáns, souberon dar as respostas necesarias, en cada momento, para constituír o riquísimo e variado patrimonio cultural que nós herdamos”.

- “Galicia é unha realidade integradora e aberta, que vén contribuíndo á unidade europea desde o século X, desde a aparición do sepulcro de Santiago Apóstolo [...]. Somos unha Comunidade ben definida, autogobernada, solidaria co resto dos pobos de España, europea, iberoamericana e universal”.

- “Esta Cidade da Cultura é unha aposta a fondo pola nosa pervivencia. Este Faro da Cultura, galego e universal, é o maior esforzo dos últimos séculos. Unha empresa concibida con grandeza, representativa de todo o pobo galego. Un complexo cultural con características propias, modelo e referencia do que debe ser un Centro destinado ao estudo, a investigación, a recuperación e a promoción do patrimonio cultural galego no século XXI”.

- “Desde a realidade que hoxe contemplamos con orgullo e satisfacción, é obrigada a nosa lembranza para os homes e mulleres que non escatimaron nin ideas nin traballo na defensa e promoción dunha cultura que constitúe a nosa esencia como pobo e a nosa achega á humanidade”.

- “Reafírmome neste acto na miña vontade de impulsar esta Cidade da Cultura de Galicia que xa é, sen dúbida ningunha, a montaña máxica representativa da pluralidade da Europa dos pobos e das culturas”.

- “Desde esta vieira xigantesca, desde este Pecten Jacobaeus sosegadamente elevado, e fronte ás torres do Campus Stellae, convocamos a todos os pobos da orbe, a todos os pensamentos, a todas as relixións, aos homes e mulleres que, desde a concordia, o respecto, o diálogo e a tolerancia, engrandecen día a día a nosa condición humana”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia