Skip to main content

ADEGA considera negativos os datos sobre incendios deste ano

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) discrepa da valoración de Xosé Manuel Barreiro, conselleiro de medio ambiente, sobre a temporada de incendios deste ano. Mesmo supoñendo que os datos da Consellería fosen correctos, ADEGA non entende que se poidan cualificar como positivos uns datos que revelan unha alta incidencia dos incendios en Lugo e en Ourense e que Galicia sufriu o 42 % dos lumes rexistrados en España. Un ano máis, o noso país volveu padecer un episodio desa outra marea negra que nas últimas décadas está a causar enormes perdas nos montes.
ADEGA e outras organizacións teñen dúbidas en relación coa fiabilidade dos datos da Consellería de Medio Ambiente sobre os incendios e reclaman por iso maior transparencia e o emprego de satélites de teledetección para unha avaliación máis rigorosa do número de incendios e da superficie queimada. Tamén sería interesante, coa finalidade de valorar mellor a importancia das consecuencias ambientais dos incendios, que se fixesen estimacións sobre as toneladas de solo perdidas por erosión ou de dióxido de carbono, gas de efecto invernadoiro, emitidas á atmosfera.
Dada a natureza do problema dos incendios, ADEGA considera un grave erro a estratexia da Consellería de Medio Ambiente de tentar minimizar a importancia real do problema dos lumes por puro interese partidario e de negarse a un diálogo profundo para atinxir un amplo consenso sobre a política de loita contra os lumes.
A disposición real de Xosé Manuel Barreiro ao debate sobre os incendios coa sociedade civil é tan cativa que mesmo rexeitou unha recomendación do Valedor do Pobo para que as propostas anuais de planos INFOGA de loita contra os lumes forestais sexan sometidas á consideración do Consello de Medio Ambiente, o principal órgano ambiental autonómico consultivo en materia ambiental. Esta recomendación tivo a súa orixe nunha queixa presentada polas organizacións ambientalistas ADEGA, FEG e SGHN e polos sindicatos CCOO, CIG e UGT.

Consello Galego de Xestión Forestal Sostíbel
ADEGA presentou perante a Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Ambiente alegacións ao borrador do decreto polo que se crea o Consello Galego de Xestión Forestal Sostíbel. As alegacións de ADEGA procuran que este novo órgano consultivo sexa plural e independente e poida contribuír realmente á xestión sostíbel dos montes galegos. Para ADEGA, o obxectivo principal deste Consello, cuxa creación vén sendo demandada insistentemente polas organizacións ecoloxistas e sindicais nos últimos anos, debe ser a procura dun consenso social sobre a política de loita contra os lumes forestais.
Adega