Skip to main content

Asinado un convenio de colaboración entre Vilar de Santos e a Mesa pola Normalización Lingüística

O dia catro de Outubro, o alcalde de Vilar de Santos, Xosé A. Xardón e o representante da Mesa, Xosé Manuel Sarille, asinaron un convénio polo cal tanto A Mesa como o própio concello activarán accións de normalización cara aos viciños, mocidade e empresas radicadas no termo municipal. Probabelmente tamén se estabeleza unha colaboración entre vários concellos do entorno, comprometidos na extensión social do idioma, para levar a cabo accións conxuntas na comarca. Asi, o Concello de Allariz asinara xa no mes de Agosto un convénio semellante coa Mesa.
O concello de Vilar de Santos é sócio colaborador da Mesa desde o ano 1988, pouco despois de fundar-se esta organización. Agora, ademais de asinar-se o convénio, o concello pasa a desembolsar unha cantidade maior, importante para unha institución que administra mil habitantes, e que indica o compromiso con Galiza deste município, que sempre apostou pola normalización do idioma.
Vilar de Santos ten a vida administrativa galeguizada desde os primeiros mandatos democráticos, un esforzo importante e pouco coñecido. De feito é un dos tres pioneiros na incorporación do galego á vida administrativa e das empresas do entorno, xunto con Redondela e Fene.
Desde A Mesa consideramos que este labor debe ser recoñecido publicamente. Cumpre recoñecer e saudar o esforzo dos pequenos, porque ás veces é simbolicamene máis importante que o dos grandes.
Mesa pola Normalización Lingüística