Skip to main content

Adega pídelle ós concellos galegos que poñan en marcha plans alternativos a Sogama

A actual polémica sobre a suba da taxa de incineración do lixo de SOGAMA foi prevista pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) desde que en 1992 SOGAMA propuxo cuotas inferiores ao custo real da incineración como a principal arma para conseguir a adesión dos concellos ao seu negocio, nucleado arredor dos intereses de FENOSA. ADEGA fai un chamamento aos concellos para que non se deixen enganar unha vez máis e rexeiten a suba de SOGAMA, ao tempo que procuran solucións mais ecolóxicas e económicas a través de planos de reciclaxe e de compostaxe.
Nada máis confirmar-se a adesión dunha maioria de concellos (en numerosas ocasións a través da coacción ou de presións non lexítimas) e iniciar-se a actividade de SOGAMA (con case dez anos de retraso sobre o previsto), xa no verán de 2002 saltou o escándalo polo intento de aumentar a taxa nun 70% (até 56 euros/tn). Agora apróbase unha suba do 33 %.
ADEGA considera que as propostas de SOGAMA non son aceptábeis por diversas razóns:
Os custos ambientais da incineración non están internalizados, nin sequera coa cuota de 56 euros/tn. A internalización destes custos foi acometida por algúns paises europeus, como Dinamarca, que introduciron unha taxa ou gravame adicional de 28-35 euros por tn sobre os custos de operación. Asi, en Dinamarca, Holanda ou Alemaña, o custo da incineración supera os 100 euros/tn.
O custo da incineración aumentará ainda de forma máis acusada cando entre en vigor a Directiva 2000/76/CE, que obriga a novas reducións nas emisións contaminantes das incineradoras. Ou é que SOGAMA non pensa adaptar-se para cumprir con esta norma?.

A redución da suba prevista de 56 a 44 euros acada-se mediante a subvención con fondos públicos para o fomento de enerxias renovábeis da electricidade xerada na incineración. Isto, alén de ser ambientalmente perverso, vai contra as novas normas europeas que determinaron que os plásticos e outros resíduos non poden ser considerados como fonte de enerxia renovábel, normas que terán que ser aplicadas tamén na Galiza.
Os altos prezos e a contaminación e desbaldimento de recursos naturais da incineración deberian ser razóns suficientes para que os concellos aborden novas formas de xestionar e tratar os resíduos. Ademais, a aposta prioritaria pola incineración é incompatíbel coa reciclaxe: Galiza aínda rexistra os niveis máis baixos de reciclaxe de papel, vidro, metais e plásticos, incumprindo a porcentaxe mínima do 25% (agás para o vidro) da Directiva sobre xestión de resíduos de envases. Pero a nova Directiva, en discusión nestes momentos, propón como porcentaxes mínimas o 60% de reciclaxe para cada un destes materiais, a cumprir antes de decembro de 2006. Se ademais temos en conta os obxectivos de contención ou redución en orixen da cantidade de resíduos xerados, como se pensa compatibilizar a reciclaxe coa incineración?.
ADEGA fai un chamamento aos Concellos de Vigo e de Pontevedra para que retomen os proxectos dos anos 1999-2000 de elaborar planos alternativos de reciclaxe e compostaxe, naquela ocasión paralizados polos grupos municipais do PSOE (apoiando ao PP). E lembra a este respecto que no verán de 2002, en senllas reunións con representantes do BNG (Anxo Quintana) e do PSOE (Dolores Villarino), as dúas organizacións confirmaron a intención de optar pola reciclaxe e pola compostaxe fronte á incineración. Este obxectivo estaba presente tamén nos programas electorais das eleccións autonómicas de 2001 de ambas forzas, de oposición no Parlamento pero maioritarias nas cidades galegas que sosteñen SOGAMA. Reclamamos coérencia e preocupación non só polos resultados electoriais, senón tamén polo futuro ambiental e sanitário de Galiza.
Adega