Skip to main content

ADEGA lamenta profundamente as trabas postas á comisión de investigación paralmentaria temporal sobre o Prestige

Lamentamos fondamente o xogo que o Partido Popular Europeo está a facer para evitar a comisión ou que esta se converta nunha comisión de seguridade marítima tan só.
As presións ás que están a someter o grupo liberal son inaceptábeis e din moito acerca da ausencia dun talante aberto, dialogante e constructivo por parte do PPE.
A estas alturas, o debate está a non ter senso: si se trata de coñecer qué falla en Europa respecto á seguridade marítima e os verquidos está claro que se debe investigar a traxedia do Prestige, por ser a máis grave das acontecidas, a máis recente e a máis evitábel, polo que non ten senso discutir en abstracto, pois iso xa foi plasmado nas Directivas Comunitarias Erika I e Erika II; por outra banda, si o que pretende o PPE é furtar a toda a sociedade europea o debate, está absolutamente claro que este grupo parlamentario pretende ocultar algo, ten medo, non quere que se coñezan as circunstancias en que determinadas decisións foron tomadas, etc. A consecuencia directa desta postura é un recoñecemento explícito por parte do PPE da responsabilidade do Goberno español (do PP) na catástrofe ecolóxica do Prestige, senón ¿qué terían que ocultar? ¿por qué non queren que se coñeza nada en torno ao Prestige? Se o Goberno non ten nada que ocultar, o seu grupo a nivel europeo debería apoiar sen reservas a creación da comisión de investigación con capacidade para chegar a todos os detalles, coa finalidade de artellar todos aqueles mecanismos que eviten unha traxedia coma o do Prestige.
Adega