Skip to main content

Manuel Fraga felicita a Fernando Echávarri e Antón Paz por acadar a primeira posición no Campeonato do Mundo en categoría de Tornado

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, reuniuse, no seu despacho de San Caetano, cos campións mundiais de vela, na categoría de tornado, deste ano 2005, os galegos Fernando Echávarri Erasun e Antón Paz Blanco. Na xuntanza, tamén participaron a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, e o director xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete Lasa.

O máximo mandatario autonómico aproveitou a reunión para felicitar aos dous deportistas polos trunfos e os éxitos acadados este ano na categoría de tornado. Así mesmo, Manuel Fraga desexoulles a Fernando Echávarri Erasun e a Antón Paz Blanco os maiores dos éxitos en vindeiras competicións.

ÉXITOS ACADADOS

Fernando Echávarri (Pontevedra, 1972) e Antón Paz Blancos (Vilagarcía de Arousa, 1976) acadaron o título de campións do Mundo na categoría de Tornado neste ano 2005. Ao longo da súa carreira deportiva colleitaron numerosos éxitos, entre os que cabe salientar o cuarto posto no Campionato do Mundo Tornado Palma de Mallorca 2004; a décimo terceira posición no Campionato do Mundo Tornado Cádiz 2003; e a décimo segunda no Campionato do Mundo Tornado USA 2002. Así mesmo, nos xogos olímpicos celebrados en Atenas no 2004 acadaron a oitava posición.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia