Skip to main content

García Gallego aposta por un uso sostible dos recursos hídricos de Galicia

O director xeral de Augas de Galicia, Emilio García Gallego, lembrou a necesidade de facer un uso sostible dos recursos hídricos que garanta a súa preservación e a súa calidade. García Gallego fixo estas declaracións no acto de inauguración da xornada divulgativa de Presentación dos estudos realizados no Proxecto AQUA para a implantación da Directiva Marco da Auga na Zona Interreg Galicia – Norte de Portugal que se celebrará durante o día de hoxe en Santiago de Compostela.

Segundo explicou o director xeral de Augas de Galicia, este encontro ten como principal obxectivo amosar os traballos realizados por Augas de Galicia e Augas do Minho e Lima sobre a xestión dos recursos naturais e hídricos nestas zonas. Este proxecto desenvolvido pola Administración Hidráulica de Galicia coa administración hidráulica da zona norte de portugal pretende avanzar no novo marco europeo de protección da auga. García Gallego fixo referenza a dúas cuestións clave: a necesidade de realizar unha planificación hidrobiolóxica conxunta en todas as masas de auga en cada demarcación hidrográfica e a importancia de facer cada vez máis un uso eficiente dos recursos hídricos.

ESFORZO AMBIENTAL

“A Consellería de Medio Ambiente leva anos traballando para preservar os recursos naturais e hídricos da comunidade”, indicou Emilio García Gallego, quen apuntou como dato significativo que a Administración Hidráulica de Galicia licitou en 2004 actuacións por valor de máis de 84 millóns de euros para a preservación e mellora dos recursos hídricos. Para 2005 prevese que as licitacións superen os 80 millóns de euros. Ademais, Augas de Galicia investiu desde 2002 máis de 1,2 millóns de euros para a implantación da Directiva Marco da Auga, un orzamento que superará os 2,5 millóns de euros en 2007.

Por outra banda, cómpre salientar as diferentes iniciativas promovidas para preservar os recursos naturais e hídricos na comunidade galega, como os plans de saneamento, os programas de xestión de residuos, o plan de ordenación dos ríos de Galicia, as iniciativas de recuperación de humidais e a Estratexia Galega de Educación Ambiental, entre outras.

PROGRAMA

A continuación da inauguración o subdirector xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, Jesús Manrique Merino, realizará unha breve introducción á Directiva Marco da Auga 2000/60/CE.

Para as 12:00 horas está prevista a intervención do consultor do Instituto da Auga de Portugal Pedro Cunha Serra, que abordará o Proxecto AQUA como traballo preparatorio de implantación da directiva marco da auga nas cuncas dos ríos Miño e Limia. A xornada rematará co relatorio do consultor de Ingeniería de Vertidos, Alejandro Maceira Rozados, que presentará as conclusións dos traballos do Proxecto AQUA e realizará unha análise dos usos da auga e de recuperación de custos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia