Skip to main content

Manuel Fraga reitera que está ao servizo do pobo galego, de acordo cos seus desexos e determinacións

“Eu xa dixen desde o primeiro día que estaba ao servizo do pobo galego e de acordo cos seus desexos e determinacións”, reiterou Manuel Fraga. Tamén lembrou que, “en todo caso, nós volvemos onte a gañar as eleccións” e que “somos o partido máis votado dos que deciden aquí” e tamén dos “da emigración”.

Neste sentido, o máximo mandatario autonómico agradeceulle a todo o pobo galego a súa participación no proceso electoral e o seu apoio porque, dixo, “despois de todos os anos que temos estado aí, ten un certo mérito que o pobo galego teña esa paciencia e ese bo sentido que ten demostrado”.

IMPUGNACIÓNS

“Non haberá ningunha clase de impugnacións”, declarou Manuel Fraga na súa intervención, descartando calquera tipo de recurso porque, segundo sinalou, “non ten ningún sentido”. “Os resultados xa están aí e nós respectámolos, como bos demócratas que somos”, concluíu.

Referíndose aos resultados definitivos do escrutinio, Manuel Fraga lembrou que o Partido Popular foi a forza “máis votada”. Por iso, “de momento –dixo- non podo felicitar a ninguén ata que non se forme unha coalición e se elixa un presidente do Goberno”. “De momento, o líder do partido máis votado e o gañador das eleccións, sentíndoo moito, son eu”, sentenciou.

Non obstante, salientando que non é profeta e non lle “gusta nada facer profecías lúgubres”, desexoulle “o maior do éxito ao servizo de Galicia” ao vindeiro Executivo autonómico.

O presidente da Xunta realizou estas declaracións logo de participar, en San Caetano, no acto institucional de entrega das Medallas Castelao 2005.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia