Skip to main content

Medio Ambiente publica o decreto polo que se regula a produción e xestión de residuos

A Consellería de Medio Ambiente publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia. Con este novo regulamento preténdese axilizar e simplificar os trámites administrativos para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións na materia.

Neste decreto introdúcese unha serie de conceptos sobre produción e xestión de distintos tipos de residuos. Así, defínense as figuras de produtores, posuidores e xestores de residuos e determinase o significado da xestión, almacenaxe e valorización dos refugallos.

Entre as novidades recollidas cómpre salientar a introdución dos conceptos de residuo comercial e planta móbil. O primeiro deles refírese aos refugallos xerados pola actividade propia da venda, pola hostalería, mercados, oficinas e servizos. Estes materiais considéranse residuos urbanos e deben serlles entregados a xestores autorizados para o seu tratamento. Pola súa banda, a creación de plantas móbiles permitirá dispoñer de instalacións de valorización ou eliminación que poden desmontarse e trasladarse dun lugar a outro.

AUTORIZAR E NOTIFICAR

Segundo se recolle no novo decreto publicado, existe unha serie de actividades que deben ser sometidas a autorización administrativa previa, como son a produción de residuos en instalacións que superen os 10.000 quilogramos de residuos perigosos ao ano; o transporte, almacenaxe e xestión de refugallos; e a construción de instalacións de xestión de residuos urbanos ou municipais, que estarán supeditadas ao previsto no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia.

Noutros casos só será preciso notificar á Consellería de Medio Ambiente das actuacións a realizar, como nos programas en relación cos aceites usados que se realicen en talleres, estacións de engraxamento e garaxes; nas actividades que xeren menos de 10.000 quilogramos de residuos perigosos ao ano; nas actuacións que xeren unha cantidade igual ou superior a 500 toneladas ao ano de residuos non perigosos; as actividades de produción de residuos da construción e demolición, cando se xeren máis de 3 toneladas de residuos por obra; na recollida e transporte de residuos non perigosos; e nos aproveitamentos de residuos non perigosos.

O decreto que regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia establece tamén a obrigatoriedade de subscribir un seguro de responsabilidade civil para obter a autorización das actividades de xestión de residuos perigosos e a necesidade de depositar unha fianza, que terá como obxecto responder ao cumprimento de todas as obrigas fronte á Administración. Deberase formalizar este requirimento para as actividades de produción e xestión de residuos perigosos suxeitos á autorización, as de xestión de residuos urbanos, as de valorización e eliminación de residuos non perigosos e as de produción e posesión de residuos non perigosos sometidos a notificación.

REXISTRO DE PRODUTORES

A nova normativa inclúe a necesidade de estar inscrito no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos para realizar actividades de transporte de refugallos. As actividades que xeren máis de 500 toneladas de residuos non perigosos ao ano deberán inscribirse tamén no rexistro. Asemade, establécense outros tres novos réximes especiais para actividades de produción e xestión de residuos non perigosos inertes, para plantas móbiles de xestión de refugallos e para o depósito previo á posta en marcha de instalacións de valorización e/ou eliminación de residuos, co obxecto de adecuar o seu réxime administrativo ás características propias destas actividades.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia