Skip to main content

O Sergas enviou xa o anuncio para a contratación da redacción do proxecto básico do novo hospital de Vigo

O Servizo Galego de Saúde ven de enviar unha Resolución ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e ao Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se anuncia a contratación para a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo hospital de Vigo.

O investimento desta contratación ascende a 4.642.116 €, e o prazo de execución é de 12 meses. Segundo se anuncia nesta Resolución, a modalidade de adxudicación, polo trámite de urxencia, realizarase mediante sistema de concurso público e procedemento aberto.

Con esta Resolución, dáse un paso máis no cronograma que xa adiantara o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Ávarez, na presentación desta nova infraestrutura sanitaria para á area viguesa. Neste senso, tal e como afirmara o conselleiro, de seguirse cumprindo os prazos legais establecidos para tódolos trámites, o proxecto construtivo podería estar adxudicado no próximo mes de setembro e a obra podería iniciarse no primeiro semestre do 2007.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)