Skip to main content

Máis de 1.800 rapaces menores de 18 anos chegan aos campamentos de verán

A provincia á que chegarán maior número de participantes, sobre 700, será Lugo. Os acampados diviranse entre as instalacións de Os Chacotes (Palas de Rei), Benigno Quiroga (Portomarín), A Devesa (Ribadeo). Séguelle a provincia coruñesa onde máis de 500 menores se repartirán entre os albergues de Marina Española, Gandarío, Furelos, Virxe de Loreto e Espiñeira.

En Ourense, as actividades desenvolveranse en Os Biocos, Xacinto de Entrimo, Pablo VI en A Rúa, O Corgo e Grixó e, en Pontevedra, As Sinas, Pontemaril e Ons serán as tres instalacións protagonistas esta quincena.

As principais novidades deste verán son a ampliación dunha quincena do campamento de teatro que se desenvolve desde hoxe en Espiñeira e que repetirá do 16 ao 30 de xullo. Os asistentes combinarán as actividades ao aire libre con prácticas de dramatización, expresión corporal, mimo e malabares.

Outras novidades son a inclusión na oferta dunha actividade de aventura, de inglés e dun campamento de vídeo, ademais de contar con dúas novas instalacións, o Albergue Xuvenil Grixó, en Padrenda, e o Centro de Educación Ambiental EQUAL, en Coles, ambos na provincia de Ourense.

A oferta de campos de traballo organizados por Xuventude divídese entre os que se desenvolverán en Galicia (101 prazas), noutros lugares de España (260 prazas) e no extranxeiro (74).

Esta modalidade, dirixida a mozos de entre 18 e 30 anos, inclúe este ano por vez primeira campos de traballo en Bóveda (Lugo), Corrubedo (A Coruña) e Baiona (Pontevedra), e repítense os de edicións anteriores, que na provincia da Coruña se celebraron en Vilarbó (As Pontes de García Rodríguez), Espiñeira (Boiro) e Vedra; en Lugo tiveron lugar en Sober; en Ourense, en O Corgo (Muíños) e Celanova, e na provincia de Pontevedra, en Pontemaril e Illas Cíes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia