Skip to main content

Universitarios de 30 países veñen aprender galego a Santiago

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, presidiu en Santiago a apertura do XVIII Curso de Galego para Estranxeiros, que este ano contará coa participación de 148 alumnos procedentes de 30 países de todo o mundo, entre eles Australia, Bulgaria, Eslovenia, India ou a República Checa.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza este tipo de cursos dende hai case vinte anos, co ánimo de estender o coñecemento da lingua e cultura galegas por todo o mundo.

PARA UNIVERSITARIOS

O ciclo está dirixido, con carácter prioritario, a estudantes do último curso universitario ou posgraduados que cursasen Filoloxía en calquera universidade, interesados polo feito sociolingüístico e cultural galego.

Así mesmo, tamén está pensado para que os estudantes dos lectorados e centros de estudos galegos do exterior adquiran unha maior cualificación profesional que redunde na potenciación das actuacións levadas a cabo dende os seus respectivos centros de orixe.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

Para acadar os seus obxectivos de difusión cultural, este ano tamén se organizaron uns ciclos de conferencias relacionadas coa cultura, a arte, a tradición, os costumes ou a antropoloxía de Galicia, impartidos por profesores relacionados con estas disciplinas.

Ademais, tamén se realizarán itinerarios de tipo cultural, asistencia a actos académicos e visitas a museos e exposicións.

CURSOS DEMANDADOS

No tempo que se levan celebrando os cursos de galego para estranxeiros, levan participado un total de 1.782 alumnos, o que amosa o interese que esperta a lingua galega nas distintas universidades estranxeiras.

Esta circunstancia é a que leva animando á Administración educativa a seguir apoiando este tipo de actividades, feita coa colaboración da Real Academia da Lingua Galega e coa Universidade de Santiago de Compostela.

Nas súas palabras, Currás salientou a importancia que a terra e a lingua teñen como raíces da identidade dun pobo. Así, lembrou a importancia de conservar, defender e espallar o idioma propio, obxectivo último do curso inaugurado hoxe.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia