Skip to main content

Gregorio Peces Barba amosa a súa amizade e o seu respecto como cidadán pola figura de Manuel Fraga

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, entrevistouse no seu despacho de San Caetano co Comisionado de Apoio ás Vítimas do Terrorismo, Gregorio Peces Barba, quen lle amosou a súa “amizade” e o “respecto como cidadán” á figura do mandatario galego.

Segundo manifestou Peces Barba trala xuntanza, esta foi “unha visita de amizade a un amigo e tamén unha visita de respecto a unha persoa que ten traído moita xente á Democracia, que fixo a Constitución e que gañou catro veces as eleccións autonómicas en Galicia”. A este respecto engadiu que esta traxectoria “merece moito respecto e non só como amigo, senón precisamente como cidadán”.

NOVA XUNTANZA DOS POÑENTES CONSTITUCIONAIS

Manuel Fraga, pola súa banda, informou que neste encontro con Gregorio Peces Barba avanzaran na posibilidade dunha nova xuntanza dos poñentes da Constitución “para falar do momento actual”.

Así mesmo, o titular do Executivo autonómico cualificou ao Comisionado de Apoio ás Vítimas do Terrorismo como “un vello compañeiro”, facendo referencia á participación de ambos os dous no proceso constituínte, e salientou as súas ocupacións actuais como reitor da Universidade Carlos III e o “importante cargo público” como Comisionado.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia