Skip to main content

Diz Guedes presenta uns orzamentos desvinculados das necesidades reais do sector, según o SLG

O SLG sostén que a presentación duns orzamentos expansivos para unha agricultura moderna e competitiva, non é máis que verborrea baleira de contido que esconde a continuación da liña seguida por este Conselleiro de desmantelación do Sector Agro-gandeiro galego e en concreto, nin se fala nin se dotan de orzamento, medidas que garantan a pervivencia do maior número de explotacións producindo no rural galego.
Esta palabrería non mitiga a situación actual do sector. A transición dunha economía agraria tradicional cara unha nova economía multifuncional e multisectorial, significa que milleiros de explotacións poden desaparecer en Galiza no curto prazo, e con elas os postos de traballo que manteñen. Basta con ver a evolución histórica.
Nada se plantexa sobre os problemas reais que van ter que afrontar as explotacións de leite coa aplicación estricta da política de cotas, sabendo que miles de explotacións neste país non teñen cota suficiente para subsistir, que o prezo do leite vai caer trala aplicación da nova PAC e que a os plans da Consellería, dados estes orzamentos, son desmantelar o sector que máis recursos produce para o medio rural.

Dende o Sindicato Labrego Galego convidamos ao Conselleiro a que retome as conversacións coas organizacións sindicais agrarias, representantes lexítimos dos labregos e labregas galegas, para poñer enriba da mesa medidas que permitan salvagardar os intereses das explotacións do país. O medio rural mantén-se vivo mantendo as explotacións. Así si seria a agricultura a principal impulsora e dinamizadora do medio rural.
Sindicato Labrego Galego (SLG)