Skip to main content

Balanzo ambiental do ano 2003: Un ano marcado pola catástrofe ecolóxica do Prestige

Problemas:
1) A catástrofe ecolóxica do Prestige.
A maior marea negra acontecida até hoxe en Europa causou unha enorme catástrofe ecolóxica cuxos efectos perdurarán nos próximos anos. Alén das consecuencias visíbeis, como a morte de entre 115.000 e 230.000 aves ou a xeración de 75.000 toneladas de residuos diversos mesclados con fuel, cómpre ter presente os efectos invisíbeis, como a entrada de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) nas cadeas alimenticias mariñas. A realización ambientalmente inadecuada de grande parte dos labores de limpeza agravou notabelmente a catástrofe ecolóxica.
2) A insustentabilidade crecente do transporte.
O transporte é unha fonte cada vez máis importante de degradación ambiental. Iso é debido en grande parte ao protagonismo desmesurado do transporte por estrada, estimulado polo elevado número de quilómetros de novas autovías, autoestradas e vías rápidas en construción ou previstas. A sobrevaloración destas infraestruturas reduce as posibilidades de investimento en áreas que xeran maior benestar e un desenvolvemento máis respectuoso co ambiente (educación, sanidade, ambiente, vivenda,…). En 2003 comezaron as obras da vía rápida do Morrazo, sen tan sequera respectar a declaración de impacto ambiental. O Plan Galicia presentado en xaneiro é en grande medida un catálogo de novas estradas de alta capacidade que suporían unha marea de asfalto.
3) A degradación do Bidueiral de Montederramo
A construción irregular dun cercado cinexético para a posíbel creación dun couto de caza intensiva no Bidueiral de Montederramo (Ourense), un dos bosques máis valiosos da nosa terra e zona proposta para a rede Natura 2000, exemplifica o elevado grao de indefensión e a deterioración xeralizada das áreas propostas para a rede Natura 2000 e, en particular, dos derradeiros bosques de alto valor ecolóxico, que supoñen só o 7% do monte arborado.
Logros:
1) A mobilización social fronte á catástrofe do Prestige.
A realización de 330.000 accións voluntarias para a recolla de fuel, 30.500 organizadas por asociacións ambientalistas galegas; a colaboración de miles de persoas na recolla e atención de aves e outros animais mariños petroleados e a extraordinaria capacidade de convocatoria e de iniciativa da Plataforma cidadá Nunca Máis, da que forma parte tamén a práctica totalidade do movemento ambientalista galego, amosaron unha forte conciencia social en defensa do mar e da costa fronte ás mareas negras, contribuiron a reducir o impacto da marea negra e arrincaron algunhas decisións políticas positivas.

2) A planta de compostaxe de Lousame.
Esta planta comezou a tratar o lixo dos municipios acollidos ao Plano de xestión da Mancomunidade do Barbanza. Este plano, a diferenza do de SOGAMA, aposta por reciclar todo o lixo reciclábel, incluída a fracción orgánica. Lamentabelmente, o Concello de Santiago decidiu non integrarse neste plano, cedendo ás presións políticas da Xunta e contrariando os intereses colectivos.
3) A paralización da canalización do río Mero.
A mobilización cidadá conseguiu que a Consellería de Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica do Norte paralizasen o proxecto de canalización do río Mero entre a presa de Cecebre e a súa desembocadura, o que suporía a súa destrución total. A Confederación e o alcalde de Cambre asinaron un acordo segundo o cal a Administración comprométese a conservar “o máis posíbel” o estado natural do río.
Federación Ecoloxista Galega (FEG)