Skip to main content

Perspectivas ambientais para o ano 2004

Con motivo do inicio do ano, a Federación Ecoloxista Galega (FEG), que agrupa á maioría das asociacións ecoloxistas galegas, destaca tres ameazas e tres desexos para o ano 2004.
Ameazas
1) Novos encoros.
Novos encoros, pendentes de aprobación ou de próxima construción, ameazan o valioso patrimonio ambiental dos nosos ríos, xa seriamente mermado nas últimas décadas por causa da construción de presas. O innecesario encoro de Narla, proposto polo Plan Hidrolóxico Norte I e promovido pola Deputación para o abastecemento de Lugo, degradaría a zona proposta para a rede Natura 2000 Parga-Ladra-Támoga. O impacto ambiental negativo de senllos proxectos de aproveitamento hidroeléctrico integral promovidos por UNIÓN FENOSA nas concas do Ulla e do Lérez será moi elevado. Un valioso tramo do río Verdugo proposto para a rede Natura 2000 áchase ameazado por un proxecto de minicentral hidroeléctrica.
2) Consolidación do complexo Celulosas-ELNOSA en Lourizán.
A autorización da instalación dunha planta de papel tisú en Lourizán (Pontevedra), ignorando a oposición da maioría dos Concellos e das xentes da comarca pontevedresa, suporía a consolidación dun complexo industrial que segue a causar danos importantes ao ambiente e á saúde pública e que impide a recuperación ambiental da ría de Pontevedra, vital para diversos sectores económicos (pesca, mariqueo e turismo).
3) Planta de gas de REGANOSA na ría de Ferrol
A confirmación da instalación da planta regasificadora de gas natural en Mugardos, na ría de Ferrol, nun enorme recheo, constituiría unha irresponsabilidade, tanto desde o punto de vista ambiental como da prevención de accidentes, dada a proximidade de importantes núcleos de poboación, nomeadamente a cidade de Ferrol. A FEG non se opón á planta de gas natural en si mesma mais si á súa construción na ubicación que interesa a REGANOSA.
Demandas
1) Catástrofe do Prestige.
Seguen pendentes moitas e importantes tarefas, entre as que só destacamos algunhas. No 2004 por fin se debería extraer o fuel que aínda fica nos tanques do Prestige. Cómpre avanzar na aprobación e implementación de medidas que melloren a seguridade marítima e a resposta fronte a posíbeis novas mareas negras, comoo estabelecemento dun réxime de responsabilidade ilimitada para toda a cadea involucrada no transporte de hidrocarburos, a creación dunha rede de infraestruturas con todos os medios necesarios para responder a unha marea negra ou a declaración de Área Mariña Especialmente Sensíbel (AMES) para a fachada atlántica europea. Urxe emprender os labores de recuperación ambiental precisos que contrarresten os prexuízos provocados polas tarefas de limpeza: restauración de zonas dunares, eliminación de pistas de acceso e restauración ambiental do seu trazado,.... É fundamental unha maior investigación en aspectos relativos á afección dos fondos, entrada de contaminantes nas cadeas alimenticias mariñas ou ás repecusions do fuel nos recursos pesqueiros e marisqueiros. A catástrofe do Prestige evidencia a necesidade de realizar cambios na xestión da pesca en Galicia. Neste sentido, é recomendábel a creación de áreas mariñas protexidas que actúen como reservas e favorezan a recuperación dos recursos pesqueiros.
2) Rede Natura 2000.
No ano próximo está previsto que, a partir da modesta e insuficiente proposta presentada pola Xunta (que a FEG propuxo ampliar no seu día), se definan as zonas que integrarán en Galicia a rede Natura 2000, a futura rede de espazos naturais protexidos da Unión Europea. É preciso e urxente que o goberno galego preserve as zonas propostas en Galicia de agresións inaceptábeis (presas, parques eólicos, macropiscifactorías, autovías, canteiras,...) e que faga un esforzo especial para promover nelas un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sostíbel.
3) Estratexia de Loita contra o Cambio Climático.
Galicia ten que asumir dunha vez a súa responsabilidade na loita contra cambio climático global. As emisións de gases causantes do cambio climático aumentaron no noso país perto dun 30 % desde 1990, o que supón un incumprimento claro do Protocolo de Quioto, que fixa un límite de aumento do 15% no horizonte 2008-2012 para o conxunto de España. Cómpre que a Xunta promova unha Estratexia Galega de Loita contra o Cambio Climático para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, especialmente na produción de electricidade e no transporte.


Federación Ecoloxista Galega (FEG)