Skip to main content

A Mesa afirma que a Lei de Grandes Cidades non muda para nada a oficialidade exclusiva do topónimo A Coruña

Francisco Vázquez acaba de recoñecer publicamente, máis unha vez, que está a incumprir a lexislación vixente e as sentenzas xudiciais no referido ao uso oficial da língua galega e á utilización do nome xenuíno e oficial: A Coruña. Para alén diso, manifestou que a Lei de Grandes Cidades lle permitiria mudar o nome oficial do concello para La Coruña.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, considera especialmente grave o feito de que Vázquez se pavonee publicamente de desouvir as sentenzas xudiciais, e di que Francisco Vázquez é un delincuente confeso: incumpre as leis, ri-se da xustiza e difunde a sua burla através dos meios de comunicación, afirma.
Ademais, A Mesa quer chamar a atención sobre o feito de que a Lei de Grandes Cidades non muda en absoluto a situación legal actual do topónimo. Francisco Vázquez mente conscientemente ao difundir tal falácia, tentando confundir asi á opinión pública, sostén Callón.
A Lei de Grandes Cidades o único que fai é alterar a maioria necesária (antes facian falta dous terzos e agora maioria absoluta) para tomar un primeiro acordo en relación coa mudanza de denominación dunha cidade. Mais tanto na Galiza como en Cataluña isto é competéncia dos Governos autonómicos e non das administracións locais. Xa o asinalaba asi a sentenza 214/1989 do Tribunal Constitucional: a aprobación da alteración ou mudanza de nome dos municípios é típica competéncia de execución en matéria de réxime local que, con arranxo ao marco constitucional de distribución de competéncias, os Estatutos de Galiza e de Cataluña atribuen ás suas respectivas Comunidades Autónomas.
A Mesa fai un chamamento ao PSOE para que advirta a este militante de que debe cumprir as leis e as sentenzas xudiciais. Francisco Vázquez non só está a atacar a língua galega, senón que está a ser un exemplo de incivismo e de xestión caprichosa dos fundos públicos, pois leva mal gastado cantidades importantes dos orzamentos do Concello na sua fóbia contra a língua galega.

Mesa pola Normalización Lingüística