Skip to main content

Dez metas ambientais para a presidencia irlandesa da UE

Segundo John Hontelez, secretario xeral da federación, pedíuselle a Irlanda que poña orde na Constitución, o que non conseguiu a Presidencia italiana, e se centre na integración do concepto de desenvolvemento sustentábel en todos os ámbitos da lexislación europea.
As dez metas son as seguintes:
1.Constitución europea:
Recomezar o proceso intergobernamental para incorporar o desenvolvemento sustentábel, a integración de políticas ambientais, a democracia participativa, o capítulo ambiental da Constitución e o papel do Parlamento europeo na toma de decisións referidas ao medio ambiente.
2. Desenvolvemento sustentábel:
Conseguir que os primeiros ministros cheguen a un acordo no Cumio de Primavera de 2004 no tocante ao investimento público na sustentabilidade, especialmente con respecto ao transporte público e á vivenda social, así como á prevención de que nun futuro se priorice a competitividade ante todo.
3. Unha nova política de produtos químicos máis efectiva:
Facer que a saúde humana e ambiental sexa o centro do debate da nova política de productos químicos (REACH), que levará a cabo o Consello de Medio Ambiente.
4. Cambio climático:
Convencer a Rusia para a ratificación do Protocolo de Quioto o antes posíbel.
5. Integración da política ambiental:
Integrar as cuestións ambientais en todas as políticas da Unión, empregando criterios claros e transparentes de seguimento e elaboración de informes, así como permitir unha participación pública efectiva e eficiente co obxectivo de acadar un maior nivel ambiental.
6. A nova Comisión Europea:
Persuadir a todos os comisarios dos países candidatos para o estabelecemento dun compromiso de integración dos requisitos ambientais nos seus ámbitos de traballo, e para a asunción de políticas que contribúan ao desenvolvemento sustentábel.
7. Convención de Aarhus:
Mellorar as propostas da Convención proporcionando aos cidadáns mellor acceso á xustiza, e insistir en que poidan ser consultados pola Convención en relación aos seus dereitos xuridicamente vinculantes na toma de decisións con potencial impacto medioambiental.
8. Eficiencia dos recursos e redución de residuos:

Precisamos de obxectivos e calendarios ambiciosos para as novas Estratexias temáticas de Prevención de Residuos e Reciclaxe e no Uso de recursos naturais sustentábel. Asegurarse de que a Comisión europea completa a súa tarefa con respecto a determinados residuos, estabelecendo obxectivos de reciclaxe e facendo uso da responsabilidade individual dos productores.
9. Combater a contaminación do ar producida polos barcos:

Estabelecer un sistema de taxas en toda a Unión Europea para a infraestrutura empregada polo sector marítimo para interiorizar os custos externos.
10. Cumprimento de NATURA 2000:
Estabelecer un plan de financiamento de Natura 2000 con recursos financeiros apropiados, de xeito que se garanta a longo prazo a xestión e protección da rede Natura 2000.
Adega