Skip to main content

Celebradas as 1ª Xornadas Luso-Galaicas de Educación Ambiental

Do 22 ao 24 de xaneiro tivo lugar na cidade portuguesa de Chaves a primeira edición das Xornadas Luso-Galaicas de Educación Ambiental (EA), organizadas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Associação Portuguesa de Educação Ambiental (ASPEA) e a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA). Ao longo dos tres días das xornadas unhas 100 persoas asistiron a conferencias e mesas redondas e participaron en grupos de traballo sobre a política ambiental de escola, a EA nas Axendas 21 local e a participación e comunicación ambiental.
ADEGA aproveitou o marco destas xornadas para expor algunhas das súas iniciativas en materia de EA: o programa de compostaxe caseira a partir do lixo orgánico doméstico; unha unidade didáctica que aborda o transporte desde unha óptica sustentábel e o campo de traballo Apostando polo azul (Carnota, abril 2003), que desenvolveu diversas actividades relacionadas coa catástrofe do Prestige.
Na sesión de abertura das Xornadas, José Antonio Caride Gómez, catedrático de EA da Universidade de Santiago, afirmou que a Estratexia Galega de Educación Ambiental (EGEA), promovida pola Consellería de Medio Ambiente, é unha ocasión perdida. Catro anos despois da aprobación da EGEA, e a pesar da existencia de certos avances, a posterior disolución do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental (CITA) e a escasa convicción mostrada polos responsables da Consellería de Medio Ambiente cara a Educación Ambiental, especialmente tras as eleccións autonómicas de outubro de 2001, bloquearon boa parte das potencialidades inherentes á EGEA, minorando as súas opcións e alcances.
José Antonio Caride lamentou a indiferencia e o esquecemento da EA por parte das Administracións Públicas, en particular da Xunta, durante e despois da catástrofe provocada polo afundimento do Prestige. Tamén se referiu á tardía e única convocatoria da reunión constitutiva do Observatorio Galego de Educación Ambiental o 29 de outubro de 2002, a pesar de ser o mecanismo previsto pola EGEA para o seu seguimento e avaliación.
Para o catedrático de EA da USC, aínda é posíbel recuperar esta Estratexia como un proxecto de futuro, mais, por suposto, abandonando a apatía, indolencia e desinterese coa que ten sido tratada a EGEA nos últimos anos por parte dos poderes establecidos, principalmente da Xunta de Galicia e as súas instancias de goberno.
Adega