Skip to main content

O Colexio de Xornalistas de Galicia condena a violenta expulsión dos informadores do salón de plenos do Concello de Toques e respalda a súa denuncia formal dos feitos

1.- As sesións plenarias das corporacións municipais son públicas e nada xustifica, neste caso, a actitude do Alcalde proferindo expresións despectivas para os fotoxornalistas e incitando ós veciños a expulsalos da sala. É o Alcalde, como máxima autoridade, quen debe garantir a orde e preservar os dereitos de todos. Tamén os dereitos que asisten ós xornalistas. Non só non o fixo así o rexidor, senón que pasou por alto as advertencias do Secretario do Concello e dunha concelleira da oposición.
2.- O sucedido constitúe un atentado deliberado contra o libre acceso á información, que asiste ós xornalistas, e contra o dereito da cidadanía a recibir información veraz.
3.- O CPXG expresa a súa total solidariedade e apoio ós xornalistas que sufriron estas agresións e respalda a súa denuncia formal dos feitos, asinada por 22 informadores, no Cuartel da Guardia Civil de Melide.
4.- O CPXG chama a atención sobre a gravidade do feito de que a primeira autoridade do Concello de Toques cobre tan lamentable protagonismo como autor de comportamentos só merecentes de repulsa e desprezo e esixe ós seus superiores que adopten as medidas necesarias para evitar no futuro outras actuacións bochornosas para o colectivo que representa e para toda a cidadanía.
Colexio de Xornalistas de Galicia