Skip to main content

A Asociación de Nais e Pais reclama da Consellería de Familia que retire a subvención á Teiraboa

Como ben fomos informando durante estes catro meses, a día de hoxe ninguén nos deu, como afectados e responsables do menores, ningún tipo de explicación sobre qué ocorreu coa espionaxe realizada no noso centro.
Como tamén manifestamos desde que se descubriran as cámaras o pasado setembro, esta é só a última das vergonzosas actuacións que a Asociación Teiraboa leva a cabo no centro. Os problemas cos que nos encontramos comezan na falta de aplicación do proxecto docente que a lei esixe e continúan nas normas ocultas e arbitrarias de funcionamento, no impedimento aos pais de coñecer a actividade e as instalacións do centro e mesmo na negativa a proporcionarnos documentación á que como ANPA a lei nos dá acceso.
Esta situación foille exposta á dirección do centro e todo o que obtivemos foi silencio. Tamén se lle enviou unha queixa á conselleira de Familia, avalada por máis dun cento de pais, onde se pormenorizaban as irregularidades e continuamos agardando resposta.
Agora estanse tramitando as subvencións da Xunta de Galicia a asociacións que xestionan garderías , para o cal os aspirantes deben entregar un informe sobre a colaboración cos pais. A ANPA do Milladoiro remitiu a Pilar Rojo un novo escrito no que se recordan os numerosos motivos polos que Teiraboa non está capacitada para xestionar o centro e na que se lle solicita que considere a nosa denuncia como informe de nula colaboración cos pais.
¿Será capaz a Xunta de Galicia de ignorar de novo a realidade?
Susana Mayo Redondo (Asociación de Nais e Pais da Gardería Teiraboa)