Skip to main content

Nais e Pais demandan que a Xunta garanta a galeguización do ensino

O Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego (NPEG), através dunha reunión nacional dos seus membros, tomou a decisión de dirixirse á Consellaría de Educación para lle demandar o seguinte:
1. A Xunta debe tomar as medidas para que se cumpra de inmediato o Decreto 247/95. Desde NPEG considérase que o Goberno debe garantir que os estudantes poidan terminar este curso recebendo a docencia mínima en galego que indica a lexislación vixente. Para iso, cómpre que a Administración substitúa gratuitamente os libros de texto que non se adecúan aos requisitos lingüísticos requeridos pola lexislación educativa, e / ou que dote de material pedagóxico complementario na nosa lingua as materias que se deben impartir no idioma proprio do país.
2. A Consellaría de Educación debe tomar medidas moi especialmente para o referido a Educación Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria. Hai que lembrar que, nestes momentos, os pais que queiran escolarizar os seus fillos en galego non teñen a opción real de facelo.
Un informe elaborado polo Consello da Cultura Galega indicaba para estes tramos educativos o seguinte: é xusto aquí onde o incumprimento da norma legal é clamoroso, e concluía: urxe unha intervención decidida da Administración para poñer remate a unha práctica escolar que, sobre todo en ámbitos urbanos e nos centros privados, funciona dun xeito totalmente alleo á vontade legal da normativa normalizadora. (O Proceso de Normalización do Idioma Galego 1980-2000, vol. II: Educación, Henrique Monteagudo e Xan M. Bouzada, coords., Consello da Cultura Galega, Santiago, 2002, p. 315).
Esta intervención da Xunta da Galiza non se produciu, e os pais e nais que queremos que os nosos fillos conserven o noso idioma, achámonos totalmente desprotexidos polas institucións.
A Mesa pola Normalización Lingüística