Skip to main content

A exposición fotoxornalística Marea Negra será inaugurada mañá martes en Bruxelas

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), en colaboración con Burla Negra-Nunca Máis, presenta en Bruxelas, no Parlamento Europeo, dende o luns 15 ó venres 19 de marzo, unha escolma de 40 fotos da súa exposición MAREA NEGRA, un proxecto fotoxornalístico que xa percorreu, amais de Galicia, sete comunidades autónomas (Andalucía, Cataluña, Euskadi, Castilla-La Mancha, Navarra, Castilla-León e Extremadura) e pasou tamén por Braga (Portugal) durante o último ano.
Con esta mostra, contemplada ata agora por unhas trescentas mil persoas, o CPXG quixo denunciar os obstáculos e os apagóns informativos que algúns tentaron realizar desde posicións de poder utilizando de forma perversa os medios de comunicación de titularidade pública, estatal e autonómica. A exposición MAREA NEGRA, que agrupa 103 fotografías de 58 fotoxornalistas, reflicte toda a emoción, a tensión, o dramatismo, o extraordinario esforzo colectivo e a mobilización social derivadas da catástrofe do Prestige e supón tamén unha testemuña de solidariedade cos afectados e cos voluntarios e un recoñecemento ó traballo dos fotoxornalistas, nomeadamente ós galegos. É, ademais, unha iniciativa necesaria para o imprescindible exercicio da memoria e a defensa da liberdade de expresión.
Acompañando á exposición Marea Negra, aberta ó público durante todo o día na capital da Unión Europea, poderá contemplarse unha selección de pinturas do colectivo A carón do mar.
Ó acto de inauguración, que terá lugar o martes día 16 de marzo ás 18:30 horas, en Bruxelas, acudirán o Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé María García Palmeiro xunto con autoridades europeas representativas como Camilo Nogueira Román, Eurodeputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Presidente da Comisión Temporal de Seguranza Marítima e Deputado Belga, Dirk Sterckx. Asemade asistirán o Director da Axencia Europea de Seguranza Marítima, o director xeral de Agricultura e diversos funcionarios da Comisión de Pesca.
Na organización desta mostra en Bruxelas colaboran o Parlamento Europeo, Los Verdes-ALE, e Camilo Nogueira, Eurodeputado do BNG.
Colexio de Xornalistas de Galicia