Skip to main content

As organizacións ecoloxistas critican a falta de medios para tratar aves petroleadas 500 días despois do Prestige

Na última semana unhas 500 aves vivas, ás que habería que sumar unha cantidade indeterminada de exemplares mortos que non foron recollidos, entraron impregnadas de petróleo nos centros de recuperación de fauna salvaxe existentes en Galiza. Na súa grande maioría trátase de araos romeiros (Alca torda) e araos dos cons (Uria aalge) que foron recollidos na costa sur de Galiza, entre A Guarda e Corrubedo.
A situación obrigaba a actuar con rapidez, xa que a boa condición física que presentaban os animais indicaba que as probabilidades de recuperación eran moito máis elevadas que no caso do Prestige. Sen embargo, a pasividade coa que a Xunta actuou neste caso elevará sen dúbida a mortalidade destes animais durante a fase de recuperación- declarou Carlota Viada, responsábel de Conservación de Seo/Birdlife.
O xoves pola tarde responsábeis da Administración galega comunicaron o traslado de 60 dos 320 animais existentes no Centro de Recuperación de Cotorredondo ao Centro de Recuperación de Oleiros e doutros 60 á Facultade de Veterinaria de Lugo. O resto, uns 200 animais, serían sacrificados segundo denunciaron tanto a Asociación Profesional de Axentes Forestais como algúns voluntarios. Este feito motivou un plante sen precedentes de ambos os dous colectivos, que abandonaron o Centro de Recuperación de Cotorredondo ao coñeceren a decisión.
O plante dos axentes forestais e voluntarios é un feito sen precentes que deixa ben ás claras a indignación da xente que estivo traballando moi duro toda a semana na recuperación destas aves. O Centro de Recuperación de Oleiros e a Facultade de Veterinaria de Lugo, ao contrario do que afirma a Xunta, non dispoñen dos medios adecuados para trataren eficazmente a estas aves, declarou Xosé Luis Baleato, portavoz da Federación Ecoloxista Galega (FEG).
Froito da presión de axentes forestais, voluntarios e grupos ecoloxistas a Xunta semella ter recuado na súa decisión. Porén, permanece a cuestión da falta de medios, do tratamento inadecuado das aves que diminuirá as taxas de recuperación e da lenta resposta en situacións de emerxencia.
É lamentábel que 500 días despois do Prestige e malia a formación e os coñecementos acumulados por un grande número de persoas en relación á recuperación de fauna petroleada, a Xunta de Galiza siga sen pór os medios necesarios en situacións de emerxencia como ésta. Actuar con rapidez é fundamental nestes casos, mais novamente encontrámonos co desinterese da Administración galega, declarou Verónica Campelos, responsábel de Erva-Ecoloxistas en Acción de Galiza.
Os ecoloxistas demandan ademais solucións á falta de control dos buques petroleiros que seguen pasando fronte ás costas galegas.
Seguimos comprobando a pegada que deixa periodicamente o tráfico de sustancias contaminantes fronte ás nosas costas. Seguimos esixindo a Fomento que identifique e sancione canto antes aos autores deste novo vertido, declarou Sebastián Losada, responsábel da campaña de oceanos de Greenpeace.
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Amigos de la Tierra, Seo/Birdlife, WWF/Adena, Erva/Ecoloxistas en Acción, Grefa, Sociedade Galega de Ornitoloxía.