Skip to main content

Política Agroalimentaria acumula atrasos no pago de ceses anticipados

A Consellería de Política Agroalimentaria está a acumular serios atrasos no pago dos ceses anticipados aos que teñen dereito moitas familias labregas de toda Galiza.
Entre os casos que se están a dar, resultan particularmente dramáticos o das familias que, acolléndose ao cese anticipado agrario –de pago trimestral- aínda non o cobrou. Para poder ter dereito a este cese é obrigatorio ceder tódolos dereitos da explotación e vender os animais, cousa que fixeron aquelas persoas que se acolleron ao cese anticipado en decembro do 2003; estas familias ficaron sen medio de vida a finais do ano pasado e, cando xa case transcorreron catro meses do 2004, seguen sen ter ingresos cos que afrontar o día a día.
No caso do cese anticipado gandeiro, que se cobra dunha soa vez e con periodicidade anual, xa leva acumulado un mes de atraso.
As indagacións feitas polo Sindicato Labrego Galego apuntan á responsabilidade da Consellería de Economía. Segundo fontes de Política Agroalimentaria, a Consellería que dirixe Orza está retendo as partidas orzamentarias correspondentes ao pago dos ceses anticipados por falta de liquidez.
Independentemente da causa, para o Sindicato Labrego Galego resulta inaceptábel que, a cambio de acollerse ao réxime do cese anticipado, se lles quite ás familias labregas o seu medio de vida e, ao mesmo tempo, se atrasen indefinidamente os ingresos dos que dependen a súa vida diaria.
No SLG instamos á Xunta a que habilite con urxencia as partidas orzamentarias necesarias para cubrir esta perentoria necesidade e agardamos que feitos coma este, que engaden unha pedra máis no tremendo lastre que están obrigados a arrastrar os habitantes do noso medio rural, non se volvan repetir.
Sindicato Labrego Galego