Skip to main content

O SLG pediralle á Xunta que favoreza a concesión das axudas lácteas ás explotacións con menor renda

Isto sería imprescindíbel se queremos empezar a poñer freo á dramática sangría que está a sufrir Galiza co peche de miles de explotacións tódolos anos.
O Ministerio de Agricultura estableceu un total de 17 criterios posíbeis á hora de conceder unha das dúas axudas contempladas: os pagos adicionais. Compételle agora á Xunta de Galiza elixir que criterios aplica na nosa Comunidade. Dende o SLG, consideramos que sería un grave erro poñer como válidos os 17 criterios como xa se ten feito, xa que son moi poucas as explotacións que os cumpren todos en Galiza, e iso faría que o meirande das axudas quedasen en mans das máis grandes, que son ás que menos lles fan falla os cartos.
Para o SLG, o criterio que ten que primar por riba de todo é que sexan profesionais gandeiros aqueles que reciban as axudas. Este requisito é fundamental e debe prevalecer sobre outros como que a explotación estea nunha Asociación de Defensa Sanitaria ou no Control Leiteiro, pois son criterios que non cumpren todas e discriminan a moitas outras.
Por outra banda, na reunión que o Sindicato Labrego vai manter a semana que vén co Conselleiro de Política Agroalimentaria instaráselle á Xunta para que axilice o máximo posíbel a apertura do proceso para solicitar estas axudas, xa que o mes que se impuxo como prazo é un período demasiado curto.
Sindicato Labrego Galego (SLG)