Skip to main content

1 DE MAIO: DIA INTERNACIONAL DA CLASE OPERÁRIA

Mañá, 1 de Maio, celebra-se o Dia Internacional da Clase Operária. Con este motivo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) quer chamar ao conxunto da cidadania, mas especialmente a quen sofre o desemprego e a precariedade, asi como a todas aquelas persoas social e ambientalmente conscienciadas, a se organizar, mobilizar e traballar pola sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social.



Vivemos tempos de crise ecolóxica global, unha situación à que nos levou un industrialismo que hoxe coñecemos na sua forma de globalización neoliberal, un fenómeno que está a destruír, a unha velocidade crescente, o planeta e a quen o habitamos. Os primeiros afectados pola degradación das condicións de vida na Terra son precisamente os excluídos: os seres vivos —humanos e non-humanos— que non participan dos benefícios do industrialismo ou o fan nunha pequena medida. Por riba, ao tempo que destruímos o único planeta que temos, restrinxindo as condicións de habitabilidade para as xerazóns futuras, as desigualdades entre unha minoria privilexiada e opulenta e o resto da humanidade aumentan, a inxustiza social —dentro e entre países— medra.

Esta situación non poderá continuar por muito tempo, este mundo non é posível, por muito que hoxe sexa real. ADEGA chama à procura dunha saída emancipatória à crise ecolóxica global e dirixe-se a toda a cidadania, e mui especialmente a todas aquelas persoas excluídas e/ou conscienciadas social e ambientalmente, para a animar a se organizar e luitar, a meio da nonvioléncia, polo reparto da riqueza e o traballo —nacional e internacionalmente— nun contexto de sustentabilidade ecolóxica. Porque non é posível a igualdade na abundáncia. Porque a sustentabilidade ecolóxica non se deve procurar à custa d@s excluíd@s. Porque devemos repensar a igualdade, a xustiza social e a solidariedade, tendo en conta, por unha banda, os límites do planeta que (non só nós) habitamos e, pola outra, as xerazóns futuras. Porque construír un outro mundo no que podermos (con)viver en paz, humanos e non-humanos, de hoxe e de mañá, é posível e desexável. Porque está na nosa mao, aínda.

Xosé Maria Garcia Villaverde - Vocal de Pacifismo e Globalización