Skip to main content

A pésima xestión en sanidade gandeira da Xunta pon en perigo a economía agraria galega

Cando a Campaña de Saneamento Gandeiro 2004 está a piques de rematar, no Sindicato Labrego Galego estamos a vivir con grande preocupación os seus resultados.
Na provincia de Lugo estase a dar un crecemento xeneralizado dos positivos en enfermidades de erradicación obrigatoria. Por exemplo, existen focos abertos de brucelose no sur da provincia de Lugo onde non os había con anterioridade ou levaban anos esquecidos. As zonas endémicas de montaña non melloraron en absoluto a súa situación fronte a esta zoonose, que é a máis importante do Estado Español por número de casos en persoas. E non se trata de focos illados, xa que dende moitas partes do pais estamos a escoitar voces de alarma ante o incremento de enfermidades que tiñamos por controladas.
Outro exemplo que confirma esta realidade deuse no Concello de O Corgo, que tendo unha das máis baixas incidencias nos últimos anos, viviu nesta campaña un foco de tuberculose con 16 explotacións implicadas, como mínimo, nun radio de dez quilómetros que abrangue oito parroquias. Este feito resulta incomprensible para os gandeiros, xa que en case que tódolos casos non introduciron animais nas súas explotacións e os positivos déronse en reses que tiñan varias campañas de saneamento feitas nas súas casas. Nos casos onde se mercaran vacas, estas viñeron coa súa documentación en regra, polo que se supón que pasaron os controis sanitarios necesarios para poder posuír os papeis.
A maioría destas persoas nin sequera foi informada do perigo que supón para a saúde humana esta enfermidade, xa que a tuberculose das vacas é responsable dun bo número de tuberculoses en persoas e, ademais, os animais poden facer de pontes de contaxio para os humanos. Parécenos terceiromundista o feito de non controlar a saúde das persoas que estiveron en contacto cos animais positivos nas zonas afectadas por parte da Administración. Nin sequera se recomenda un control sobre a poboación máis vulnerable (nenos, maiores e xente coas defensas baixas).
Respecto ás posibles causas deste incremento no número de focos, non esquecemos que O Corgo foi un dos concellos, coma tantos outros, que ficou sen sanear no ano 2001 (case o 40% do censo de animais de Galiza) por causa dos problemas laborais do corpo de veterinarios de Saneamento da Xunta de Galicia, os cales foron despedidos e, no ano 2002, substituídos por persoal inexperto neste tipo de programas. Así, non se descarta a posibilidade de que poida ser a consecuencia dun traballo feito dun xeito que aumentara desproporcionadamente o número de erros (animais marcados por positivos estando sans e animais estimados sans estando afectados destas enfermidades e actuando de foco de contaxio nas cortes).
Tampouco esquecemos a irresponsabilidade cometida pola administración ao prorrogar a validez das cartas verdes do ano 2001 indefinidamente mediante orde no DOGA do 31 de decembro dese ano. Esta medida aumentou desproporcionadamente o risco de circular animais positivos polas explotacións e feiras do noso pais ao non respectar o período máximo de validez das probas, que é de doce meses.
Este feito de aumentar desproporcionadamente o número de erros nun programa de erradicación ten consecuencias moi graves como: as fortes perdas económicas das ganderías afectadas; desconfianza e desprestixio dos programas de erradicación levados a cabo; o inmenso aumento do gasto de cartos públicos polo incremento de costo dende a entrada da empresa TRAGSEGA (catro veces o gasto anterior) e, por outra banda, polo aumento do número de indemnizacións por sacrificio dos animais afectados.
A grande perda económica das ganderías afectadas é, quizais, a consecuencia máis dramática desta campaña 2004, pois este ano as indemnizacións por sacrificio obrigatorio sumadas ás liñas de axudas para merca de novos animais de reposición, e a axuda por lucro cesante, malamente deron para cubrir o 50% do prexuízo económico ocasionado ás explotacións afectadas. Para colmo, as compensacións económicas tardaron nalgúns casos ata máis de seis meses en ser pagadas. O SLG reclama o dereito de seren indemnizados os animais positivos dun xeito digno, tendo en conta o valor dos animais no mercado, para non rematar convertendo un ben público como a seguridade alimentaria ou a sanidade animal nunha desgracia para a nosa gandería.
Gabinete de Comunicación Sindicato Labrego Galego