Skip to main content

Coa destitución do subdirector xeral de Espazos Naturais a Xunta recoñece a súa neglixencia na atención ás aves petroleadas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Erva-Ecoloxistas en Acción Galiza, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) entenden que este cesamento recoñece a actuación neglixente da Consellería na atención ás 500 aves petroleadas recollidas a comezos de abril na costa sur de Galiza con motivo dunha nova marea negra.
O pasado 14 de abril, as devanditas organizacións demandaron ao conselleiro de medio ambiente, Xosé Manuel Barreiro, o cesamento inmediato de Xosé Lago, Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, e de Javier Ruiz, Director Xeral de Conservación da Natureza, por seren os máximos responsábeis da deficiente atención ás aves petroleadas, que supuxo a morte da inmensa maioría a pesar de que as súas posibilidades de recuperación eran sensibelmente superiores ás habituais en casos de contaminación por petróleo.
Por outro lado, ADEGA, Erva-Ecoloxistas en acción, FEG e SGHN enviaron onte conxuntamente unha queixa  ao Valedor do Pobo denunciando á Consellería de Medio Ambiente pola falta de atención especializada adecuada ás aves petroleadas afectadas pola marea negra de comezos do mes pasado.

Adega + Feg + Erva-Galiza + SGHN