Skip to main content

O SLG pide un prezo social para o gasóleo agrícola de 27 céntimos por litro

A primeira das demandas que esixirá ao novo Goberno será a creación dun gasóleo profesional agrícola cun prezo social en torno aos 27 céntimos por litro para as explotacións labregas como solución a esta problemática. Para poder cumprir esta medida, habería que levar a cabo accións como a exención do imposto especial de hidrocarburos para o gasóleo utilizado en actividades agrarias (actualmente, uns 8 céntimos por litro); ou a aplicación dun tipo reducido de IVE para o gasóleo consumido por labregos e labregas no seu traballo diario, baixando do 16% actual a un 7%. Ambas medidas estanse a aplicar en varios países comunitarios por estaren permitidas pola Unión Europea. De feito, en España o sector pesqueiro non paga a taxa especial de hidrocarburos nin o IVE. Mesmo sorprende que o Goberno considere como sector estratéxico ao transporte aéreo de viaxeiros (Iberia) e que se lle exima de pagar os impostos do carburante.
Asemade, o SLG vén de demandar, xunto coa Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), a creación dunha mesa de negociación para tentar artellar medidas como as devanditas a través do diálogo entre o Goberno e os sindicatos.
Respecto ao impacto que a suba do gasóleo está a ter nas actividades agrícolas, cómpre lembrar que o sector agrario consume no Estado Español 545 millóns de litros de gasóleo cada ano que, a un prezo medio de 41 céntimos por litro supón un gasto de 223’45 millóns de euros por parte duns 400.000 profesionais agrarios. No que vai de ano, a suba do gasóleo foi dun 4%, o que non se traduciu nun aumento de prezo nos produtos agrícolas.
Por outra banda, o gasto de enerxías e lubricantes, onde se inclúe o gasóleo, supón o 8’1% dos custes totais da produción agraria, o que supón un aumento do 2’2% con respecto ao ano pasado. Se temos en conta que a renda agraria, en termos reais, ficou estancada durante os últimos cinco anos, pódese afirmar que as producións agrícolas non están xerando un maior valor engadido para labregos e labregas; máis ben ocorre todo o contrario, pois a elevación dos custes de produción, coma o gasóleo agrícola, diminúe os resultados da renda.
Ademais, ao sector agrario resúltalle imposíbel trasladar estes incrementos nos custes aos prezos dos seus produtos por mor da presión das cadeas de distribución. Emporiso, a suba do gasóleo está a minguar considerablemente a renda das explotacións labregas, que son as máis afectadas por esta crise.
Sorprende que o Goberno considere como sector estratéxico ao transporte aéreo de viaxeiros (Iberia) e que se lle exima de pagar os impostos do carburante. O mesmo sucede co sector pesqueiro, que non paga a taxa especial de hidrocarburos nin o IVE.
Sindicato Labrego Galego