Skip to main content

Homilía en la peregrinación de los mayores

Chegades coa ofrenda do voso pasado e presente e mirades con esperanza cara o futuro. Ó agradecérvo-la vosa presencia a cantos chegástedes aquí, tal vez con dificultades e non pouca ilusión, teño presentes na miña lembranza cordial a tódalas persoas anciás, soas e enfermas, que non puideron vir, e que contan coa nosa cercanía espiritual na oración a Deus Pai que vela con misericordia sobre todos nós.
Como acabamos de escoitar, todo o relato evanxélico de hoxe xira ó redor da predilección de Xesús polos desvotados socialmente. Xesús elixe a Mateo, recaudador de impostos, que non era ben visto na sociedade do seu tempo. Para Xesús non hai acepción de persoas. El levantouse e seguiuno. A resposta foi inmediata e sen condicións, ofrecéndolle ó Señor un xantar para agradecerlle a súa chamada. Tamén o Señor vos chamou a vós, queridas persoas maiores, á vida, ó bautismo, ó matrimonio, ó apostolado laical, esperando de vós unha resposta pronta e fiel. Os fariseos preguntáronlle ós discípulos de Xesús: Como é que o voso mestre come con publicanos e pecadores?. Xesús contestaralles: Non teñen necesidade de médico os sans senón os enfermos. Andade e aprendede o que significa misericordia quero e non sacrificios. Tamén hoxe podemos estar tentados de marxinar ós marxinados morais da nosa sociedade. Hai que preguntarmos quen non necesita a piedade de Xesús, rico en misericordia? El non veu a chamar ós xustos senón ós pecadores. Todos necesitamos a misericordia de Deus.
O Xubileo das persoas maiores adquire características especiais se se considera a presencia crecente das persoas anciáns na sociedade actual. Esta realidade é unha riqueza humana e espiritual nova que coma don de Deus hemos de agradecer. A experiencia dos anciáns é unha valiosísima aportación á humanización da nosa sociedade e da nosa cultura. É un signo dos tempos que ben entendido pode axudar ó home de hoxe a atopa-lo senso da vida máis alá dos valores continxentes da economía, da cultura e da política. Isto esixe, coma nos lembra o Papa, recolle-la mensaxe de Cristo para esas persoas, pero, á vez, atesora-la mensaxe de experiencia e sabedoría que elas mesmas transmiten nesta etapa particular da súa vida. Para moitas delas, a terceira idade é o tempo de reorganiza-la propia vida, facendo fructifica-la experiencia e as capacidades adquiridas. Somos peregrinos por gracia. Tamén a idade avanzada é un tempo de gracia, que invita a unirse con amor máis intenso ó misterio da salvación de Cristo e a participar máis profundamente nel. A Igrexa míravos con amor e confianza, comprometéndose a favorece-la realización dun ambiente humano, social e espiritual en cuio seo tódalas persoas poidan vivir de forma plena e digna esta importante etapa da súa vida. Unha longa vida é motivo de agradecemento, chamada á responsabilidade e horizonte de esperanza. Todos hemos de sentirnos comprometidos social e pastoralmente nesta realidade. En efecto, -comentaba o Papa- aínda que se pode facer moito para acrecenta-la conciencia das esixencias dos anciáns, para axudarlles a expresar mellor as súas capacidades, para facilita-la súa participación activa na vida da Igrexa e, sobre todo, para lograr que se respete e valore sempre e en todo lugar a súa dignidade de persoas. A chamada terceira idade ofrécenos o testemuño da gratuidade, da memoria, da experiencia, da interdependencia e dunha visión máis completa da vida. Nun mundo coma o actual, no que a miúdo se mitifican a forza e a potencia, ténde-la misión de testemuña-los valores que conten de verdade, máis alá das apariencias, e que permanecen para sempre porque están inscritos no corazón de todo ser humano e garantizados pola palabra de Deus. A Gracia Xubilar daravos forzas para colaborar no desenvolvemento da auténtica cultura da vida, testemuñando que cada intre da existencia é un don de Deus e cada etapa da vida humana ten as súas riquezas propias que hai que poñer a disposición de todos. Vosoutros mesmos experimentades como o tempo que pasa sen a inquedanza de tantas ocupacións pode favorecer unha reflexión máis profunda e un diálogo máis amplio con Deus na oración. Ademais, a vosa madurez impúlsavos a compartir cos máis mozos a sabedoría acumulada coa experiencia, sosténdoos no seu esforzo e adicándolles tempo e atención no intre no que se abren ó futuro e buscan o seu camiño na vida
.Sodes un horizonte luminoso para a Igrexa que vos contempla con grande estima e vos necesita coma catequistas, animadores da liturxia e testemuñas de vida cristiá. Agora que dispoñedes de máis tempo para vosoutros, adicalo á oración, á lectura da verba de Deus e a dar testemuño da vosa vida cristiá a través das vosas obras de caridade e solidariedade para cos necesitados. Calquera etapa da vida é boa para realiza-lo proxecto de Deus en nós, desenvolvendo os talentos recibidos e poñéndoos ó servicio dos demais. Proseguide a peregrinación da vosa existencia diaria coa certeza de que a historia humana no seu conxunto e tamén a historia persoal de cada un forman parte dun plan divino, iluminado polo misterio da resurrección de Cristo.
Pidamos a María, Virxe peregrina na fe, e ó Apóstolo Santiago que nos acompañen ó longo do camiño da vida e nos axuden a acolle-la vontade de Deus coa confianza e a ledicia perenne do corazón. Deus nos axuda e o Apóstolo Santiago.
Secretaría Medios de Comunicación Arzobispado Santiago