Skip to main content

Adega demanda unha política forestal que diminúa o risco de incendios

Ao negar que o abandono ou a xestión inadecuada dos montes favorecen os incendios forestais, o conselleiro de medio ambiente, Xosé Manuel Barreiro, ou ben mostra a súa ignorancia sobre un dos principais problemas da nosa terra, ou ben tenta eludir as súas resposabilidades políticas. A xuízo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a redución do risco de incendios a través dunha política forestal ecoloxicamente sustentábel debería ser un dos principais obxectivos de Barreiro como conselleiro de
medio ambiente.
Xosé Manuel Barreiro só parece preocupado por ocultar a grave dimensión dos lumes e a súa responsabilidade. Como os seus antecesores e o seu presidente, carece da capacidade de análise, da visión de futuro, do compromiso coa
defensa dos montes e da vontade de diálogo e de negociación necesarios para enfrontar un problema que ten causas estruturais e que non se pode reducir a un simple asunto de delincuencia. Da mesma forma que se reforman estradas para reducir o risco de accidentes, tamén se debe actuar no medio rural con medidas políticas que dificulten a aparición e a propagación dos lumes.
Se Barreiro e o seu goberno tivesen un mínimo de dignidade política e de responsabilidade ambiental, recoñecerían o seu fracaso, abandonarían o
autoritarismo e procurarían un amplo pacto para a loita contra os incendios forestais. Porén, fan todo o posíbel para limitar a información pública sobre a incidencia dos lumes, falsean datos sobre superficies queimadas (segundo múltiples e reiteradas denuncias de axentes forestais), utilizan parte do enorme gasto anual en extinción para favorecer o caciquismo coa
contratación das brigadas municipais, desprezan as propostas da sociedade civil e consideran aceptábel que o noso país sufra uns 10.000 lumes cada ano e sexa a comunidade autónoma máis afectada.
Para ADEGA sería desexábel que o problema dos incendios estivese no centro das preocupacións sociais e políticas durante todo o ano e non só durante algúns momentos do verán. A marea negra que cada ano padecen os nosos
montes require dunha resposta social e política acorde coa gravidade do problema e coa importancia estratéxica, en termos ambientais, sociais e económicos, do monte.
Adega