Skip to main content

ADEGA lamenta que a Xunta de Galicia deixe en mans das multinacionais da acuicultura espacios costeiros de recoñecido valor patrimonial, ambiental e  paisaxístico, da Costa da Morte

Adega non descarta as posibilidades do sector da acuicultura como unha parte importante para o desenvolvemento da economía para a costa de Galicia no presente e no futuro, pero sempre e cando se desenvolva dun xeito racional e non supoña hipotecar outras alternativas de desenvolvemento máis respectuosas cos seus valores ambientais, paisaxísticos e culturais. Neste sentido, consideramos que estase a producir unha clara situación de abuso e indefensión do patrimonio da Costa da Morte co desenvolvemento dun plan de promoción de novas piscifactorías ó longo do seu litoral, especialmente coa macropiscifactoría proxectada para o cabo Touriñán. As instalacións que pretende construír unha filial de Pescanova en Touriñán superan as dimensións da que se inaugura en Vilán, podendo atoparse polo tanto as dúas plantas máis grandes do mundo separadas por menos de 15 km. O propio estudio de impacto ambiental da piscifactoría de Touriñán recoñece un importante dano medio ambiental e paisaxístico, tendo en conta ademais que non foi valorado conxuntamente co impacto das instalacións anexas a esta planta: unha piscifactoría na praia de Moreira, único areal na zona, duns 150 metros en estado virxe e libre de edificacións e a menos de 1 km de Touriñán. Na actualidade o cabo Touriñán é o único cabo de renome da Costa da Morte nun excepcional estado de conservación paisaxística, e un dos mellores da Península Ibérica, circunstancia que debería ser aproveitada como referente de calidade para a promoción turística.
Cabe recordar que o cabo Vilán estivo considerado durante anos coma lugar de interese paisaxístico nacional, e na actualidade protexido baixo diferentes figuras (Zona de Especial Protección para as Aves, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, e Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura 2000), e as novas instalacións acuícolas o pé do cabo non deixan indiferente a ninguén dado as súas dimensións e inevitable impacto ambiental, particularmente o motivado pola forte agresión da paisaxe que xera. Igualmente o cabo Touriñán e o seu entorno comparte as mesmas figuras de protección (non é ZEPA).
Non se entende como é posible que a Xunta de Galicia non teña desenvolto un Plan de ordenación e xestión integral acorde cos recursos e potencialidades que presenta a Costa da Morte, riqueza recoñecida internacionalmente. O estudio e análise rigorosa da viabilidade de tódalas posibilidades que presenta a Costa da Morte, entre elas o pesqueiro, marisqueiro e turístico, serviría para establecer medidas de desenvolvemento e fortalecemento económico. Na actualidade está a sufrir unha progresiva e importante degradación, destacando o deterioro dos seus espacios paisaxísticos máis emblemáticos, producto dunha xestión caótica da que están sabendo sacar partido a prezos irrisorios as grandes multinacionais. ¿Como é posible que no cabo Touriñán se adquiriran os terreos por menos de 1 euro o metro cadrado? ¿Por que non se concede o mesmo apoio institucional e as mesmas axudas públicas multimillonarias que reciben estás multinacionais para o fortalecemento de diferentes sectores como o da pesca, marisqueo, e turístico da Costa da Morte?.
Adega