Skip to main content

O conselleiro de Cultura inaugura os II Encontros de Mondariz Balneario

O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Xesús Pérez Varela, participa no acto inaugural dos II Encontros de Mondariz Balneario, que organiza nesa vila a Fundación Carlos Casares e que este ano ten como tema de debate O goberno do mundo. Presente e perspectivas do estado nacional. A pretensión da Fundación Carlos Casares e do director dos Encontros, Carlos Fernández, é poñer sobre a mesa a candente cuestión de se o Estado nacional segue sendo un instrumento válido para afrontar os novos retos da globalización política.
Máis de setenta persoas procedentes do mundo universitario, da política, da cultura e da empresa confirmaron a súa asistencia a esta segunda edición dos Encontros, que comezarán cun foro de debate dirixido por Ramón Maiz, catedrático de Teoría Política da Universidade de Santiago, sobre Estados, nacións e minorías étnicas. Despois de Maiz intervirá John Keane, director do Centro de Estudios sobre a Democracia da Universidade de Westminster, que propón como asunto de discusión Reflexións sobre o imperio e a transición á democracia.
O italiano Danilo Zolo, profesor de Filosofía do Dereito na Universidade de Florencia e autor de libros como Cosmópolis, traducido a varias linguas europeas, preguntarase o mércores se camiñamos desde os estados soberanos á cosmópole imperial. Ese mesmo día, o director do Instituto Elcano de Estudios Estratégicos e Internacionales, Emilio Lamo de Espinosa, impartirá unha conferencia aberta ao público sobre o futuro do estado nacional. Os Encontros de Mondariz Balneario pecharanse o xoves coa intervención de Xavier Rubert de Ventós, filósofo catalán e ex-parlamentario europeo, que propoñerá un debate sobre o mito do Estado.
Os II Encontros de Mondariz Balneario están patrocinados pola empresa viguesa Rodman Polyships e contan co copatrocinio da Deputación de Pontevedra, Aguas de Mondariz, Concello de Mondariz Balneario, Hotel Meliá Balneario e a Xunta de Galicia.
Fundación Carlos Casares